Xabier López: “Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos”

Entrevista a Xabier López en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): Os libros son a escusa do relato que titula o volume.
Xabier López (XL): O relato que lle dá título ao libro, Os libros prestados, chameino así para que o lector pensase en atoparse outra cousa ben distinta ao que logo vai ler. Os libros son só pretextos, están na periferia do asunto. E uso libros e non películas ou outros obxectos porque a liña entre literatura realista e literatura fantástica non a teño eu moi clara. Na nosa vida inflúen case máis os seres creados que os seres reais. Os símbolos crean conduta –só hai que pensar na relixión!– e por iso a literatura é tan poderosa. Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos.
ANT: Cando se impoña o libro electrónico acabarase o tópico de: libro que emprestas, libro que perdes.
XL: Hai todo un futuro por escribir nese campo. Eu, persoalmente, non teño tan claro ese argumento de que o libro físico ten asegurado o porvir por ser un obxecto perfecto. O libro ocupa espazo e o espazo é algo moi valioso no noso tempo. Ademais, o concepto fetichista do aroma ou o son do papel paréceme comprensíbel pero eme alleo. Eu sempre preferín as edicións de peto ás primeiras edicións. Unha vella teima miña é o laio constante porque na edición en galego non haxa coleccións baratas.”

Betanzos: presentación de Os libros prestados, de Xabier López

O venres 17 de setembro, ás 20:00 h., na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, Xabier López presenta Os libros prestados, publicado por Galaxia. No acto participan, co autor, Gabriela Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Eira Vella, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Santiago Jaureguizar, xornalista e escritor.

Xabier López: “Render contas co papel”

Entrevista a Xabier López en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): O punto en común dos catro relatos é que os seus personaxes lles buscan un sentido ás súas vidas?
Xabier López (XL): Son catro relatos escritos coa vontade de conformar un volume. Formalmente, é o primeiro libro de relatos que publico, logo de sete novelas. Se buscamos un nexo común dos catro relatos si que pode ser esa busca dos personaxes. O libro xoga cun equívoco, xoga a parecer o que non é, na liña de Por que ler os clásicos de Italo Calvino. En Os libros prestados, os libros non son realmente os protagonistas, aínda que se fale de libros, senón de persoas entre as que pode haber o nexo de xente que intenta encaixar as súas perspectivas de vida. Tendo en conta a dinámica que se vén establecendo dun tempo a esta parte sobre o que é realismo ou ficción, ou literatura fantástica, teño dito moitas veces que a literatura forma parte das nosas vidas. A capacidade da literatura para establecer parámetros de conduta pódese ver en libros como A Biblia ou o Corán. Hai xente que ten parámetros de conduta establecidos como lector, e que despois se derivan insuficientes para facerlles fronte aos episodios que lles toca vivir.
GH: Neste libro reflexionas sobre a importancia do como e do porqué da escrita, como algo máis importante que o propio libro.
XL: Si, é un relato moi paródico. Xa non tanto o acto creativo como o acto decodificador do propio lector, que tamén é creador. Lendo o mesmo libro, non todos lemos igual. A ese nivel creo que están emparentados o creador literario e o lector. Sen chegar aos extremos do Quixote ou de Madame Bovary, que ven perturbado o seu comportamento normal por mor da literatura, en todos os aspectos, acabamos encaixando a vida sempre con moldes, sexa o discurso literario ou o cinematográfico.”