Andrés Torres Queiruga: “A gran tarefa é unha Galicia soberana na nova configuración mundial”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Lingua e relixión; nación e independencia, soños, utopías… Cal é a túa actitude…?
Andrés Torres Queiruga (ATQ): Buscar en cada un deses ámbitos unha comprensión da fe, coherente cos seus principios, sabendo que só resulta lexítima cando, en diálogo coa cultura, saca as consecuencias do seu fundamento no Evanxeo: a Boa Noticia dun “Deus humanísimo”, cuxo único e exclusivo interese ao nos crear consiste no ben e na felicidade posible de todo home e de toda muller. Todo o que non sexa iso é irremediablemente falso e perturbador, por moi “venerable” que se presente. (…)
GH: Como ves a literatura, en xeral, da nación galega?
Andrés Torres Queiruga (ATQ): Pensando no pequeno número dos que a habitamos, ten algo de milagre. Abonda con ir de Rosalía a Cunqueiro, para nos limitarmos aos xa non vivos. Os seus libros deberían figurar en calquera antoloxía universal. Hai pouco Gamoneda dicía cousas moi altas da nosa poesía actual.