A Biblioteca Municipal de Ferrol, sita na céntrica Praza de España, pon en marcha hoxe un novo ciclo de animación á lectura titulado: As miñas lecturas favoritas, destinado a lectores adultos. A actividade, que se desenvolverá ao longo de seis luns entre os meses de setembro e decembro, enmárcase dentro da programación posta en marcha pola Concellería de Cultura e do programa Letras Vivas, promovido pola Consellería de Cultura coa finalidade de promover os hábitos lectores, así como o libro e a lectura en galego. As sesións celebraranse ás 19.30 h., con entrada libre e gratuíta, e nelas preténdese tamén promover o diálogo naqueles lectores con inquedanzas culturais e ganas de ler. Para iso, contarase con prestixiosos nomes da literatura galega como Marilar Aleixandre (27 de setembro), Francisco Fernández Naval (4 de outubro), Santiago Jaureguizar (18 de outubro), Marina Mayoral (8 de novembro), Yolanda Castaño (22 de novembro) e Carmen Blanco (20 de decembro).
Por outra banda, desde o mércores 13 de outubro, e en mércores alternos entre as 19:00 e as 20:30 h., Henrique Dacosta coordinará o Clube de Lectura en Galego.