Ourense: VII Encontro de Escritores/as de Ourense

O próximo venres 22 e o sábado 23 de outubro terán lugar, no Liceo Recreo Ourensán, o VII Encontro de Escritores/as de Ourense, continuación dos Encontros iniciados polo Clube Alexandre Bóveda e que continuaron da man de Marcos Valcárcel e da Sección de Literatura do Liceo, nunha nova xeira na que Liceo, Gremio LiterAuria de Escritores, Libreiros e Editores, e a AELG, dan continuidade e reformulación aos Encontros neste ano 2010, coa colaboración, nesta ocasión, do Círculo Poético Ourensán. Todos os escritores ourensáns de residencia, adopción ou afección están especialmente convidados a participar nas actividades previstas, que inclúen un coloquio inaugural, unha sesión musical, a librería do encontro (cunha ampla selección de temáticas e autores ourensáns), a serie de “presentacións express” de libros editados en Ourense ou de temática ourensá editados no 2010, un mercado de manuscritos, a escritura, edición e posta á venda dun libro en 24 horas (Relato Express) en complicidade co público, e un recital poético onde o protagonista será Víctor Campio. Todo o programa pode ser consultado neste arquivo: Programa do VII Encontro de escritores-as de Ourense 2010.