Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.

Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.

Consello Directivo da AELG