Entrevista a María Lado en Galicia Hoxe:
“María Lado: Para min a poesía, e por extensión a literatura, é algo necesario para unha vida plena. Non concibo vivir sen ler e moito menos sen escribir, polo que adoito dicir que o impulso da escrita é algo animal, que nace do mesmo sitio de onde nacen as forzas para se erguer cada día. O amor, o desexo, o sexo, o medo, a reflexión sobre a morte… son sentimentos e necesidades que todo o mundo ten, que todos compartimos e, polo tanto, nos que todos nos podemos sentir reflexados se os atopamos nun poema ou nunha novela. A relación entre o amor e a morte é case un tópico, un tema literario en si, que no meu caso me resultou moi atraente cando, en plena adolescencia, escribía os poemas de A primeira visión. Esa conxunción de ambos extremos da vida (a orixe e a fin) resultábame interesante e cadraba coas lecturas que eu facía naquel momento e co que pretendía provocar no lector. Digamos que era parte da imaxe que pretendía o “eu poético” daquel libro. Co tempo esa idea desapareceu dos meus textos. Comecei a falar dun amor máis sosegado, máis intenso en sentimento, que se personificaba nun personaxe concreto, como ocorre no caso de Berlín. Creo que abandonei esa idea, que me resultaba case unha abstracción imposible de tocar, en favor dunha poesía máis “mundana”, baseada en imaxes máis cercanas e tanxibles. (…)
Galicia Hoxe: Vive a literatura galega en xeral un intre de esplendor, ou hai luces opacas que a ensombrizan?
María Lado: Os escritores adoitan contestar esta pregunta en función de como lles vaia nese momento, é innegable. Daquela, eu teño que dicir que vexo un momento de moita creatividade e acción. Vexo recitais, encontros entre artistas, libros incribles, poetas que comezan con moita forza, e propostas que van máis alá da poesía en papel, moita experimentación… Aínda que todo isto é por debaixo da superficie, na súa maior parte, porque o apoio externo é moi escaso. Doutra banda asisto con preocupación á escaseza de premios, que son unha fonte de ingresos importante para os escritores, ao recorte de presupostos para actos de cultura … á eliminación de posibilidades de vivir do feito literario. Iso é lamentable. A cultura toda a vida existirá, haxa diñeiro ou non, pero que os artistas poidan vivir do seu é tamén preciso na sociedade.”