Bernardino Graña: “Hai que berrar como fixo Castelao, segue a haber motivos”

Entrevista a Bernardino Graña no Xornal de Galicia, con motivo da publicación da súa antoloxía Ser auga:
“- Xornal de Galicia (X): Ingresou na Academia o pasado xuño. Foi un recoñecemento tardío?
– Bernardino Graña (BG): Eu non me queixo, ingresar foi algo moi positivo. Tiven que esperar e tiven que ver como ían entrando outros. Todos eles tiñan que entrar. Ingresaron homes e ingresaron mulleres e era moi bo que todos eles foran entrando. Eu non tiña présa por entrar. Se ingresaba, pois ben. Que non ingresaba? Pois tamén ben. Non tiña grande ansia.
– X: Vostede formou parte do Brais Pinto. É unha gran responsabilidade que chega a pesar formar parte dese grupo que segue a ser un referente?
– BG: Eu estou sorprendido co que fixemos co Brais Pinto. Nós non eramos máis que estudantes sen cartos e nós, daquela, só buscábamos saír adiante. E si, foi unha gran responsabilidade a que tivemos. O Brais Pinto foi un grupo que tivo a valentía para berrar por Galicia dende Madrid. Facer un berro noso e axudar a berrar e a protestar. Había que dicir ben alto “aquí estamos”.
– X: Hai motivo hoxe en día para berrar dende Galicia co que pasa coa lingua?
– BG: Mira [colle un exemplar de Sempre en Galiza que está enriba da súa mesa], isto hai que lelo e volver lelo unha e outra vez. Hai que asimilar o que aquí pon porque está de plena actualidade, por desgraza. Hai que seguir a berrar, temos a obriga de seguir a berrar como fixo Castelao porque segue a haber motivos. Temos que formar un coro grande e xuntar a nosa voz a Castelao para que nos escoiten.
– X: E escoitará quen teña que escoitar?
– BG: Teñen que escoitarnos, pero para iso temos que berrar. Nós temos que berrar, tanto se nos queren escoitar como se non queren.”