Isidro Novo: “Gústanme os outsiders”

Entrevista a Isidro Novo en Galicia Hoxe:
“(…) Unha das iniciativas nas que está a traballar na actualidade Isidro Novo é Palabras con memoria, un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como obxectivo recuperar palabras galegas que caeron en desuso e que se poden consultar na súa páxina web. “Xa levamos case 900 entradas deste glosario de palabras e expresións que non aparecen en ningún dicionario galego. E, ademais, teñen a particularidade que son case todas inéditas porque malia que son empregadas pola xente, non están recollidas en ningunha parte”, explica o escritor. Unha das partes importantes deste traballo de recolleita é a revitalización do agro galego, de aí que dediquen esforzos a recuperar o nome de produtos que se cultivaban tradicionalmente nas hortas do país. De aí que engadan, sinaladas en verde, unha serie de palabras que designan castes de froitas e verduras. “As novas xeracións coñecen o que son variedades en inglés ou francés como red winter ou golden que venden no supermercado pero non saben os nomes das froitas galegas que, malia non ter moi bo aspecto, si que tiña mellor sabor”. Unha das ideas do proxecto é chegar a editar unha obra en papel. “Iso decidirao a asociación pero unha vez que cheguemos ás mil palabras poderíase levar a papel, sería unha difusión fantástica porque agora que queren que desaparezamos, darémoslle á xente a posibilidade de coñecer moitas máis palabras das que xa sabía en galego”, apunta o autor lugués. Palabras con memoria é así unha estratexia contra o esquecemento do noso vocabulario. “Estámonos fundindo como país cunha placidez sórdida. A xente non reacciona e parece que está aparvada”, asegura o escritor.”