Dolores Vilavedra: “O establishment da cultura galega desconfía da xente moza, é suicida”

Entrevista a Dolores Vilavedra no Xornal:
“- Xornal (X): O Estatuto está nunha vía morta e a LNL abertamente cuestionada pola Xunta. Mesmo reparece o debate sobre que é ou non é literatura galega. É o final da literatura postautonómica?
– Dolores Vilavedra (DV): Ese é un debate pechado. A literatura galega é a literatura en galego, non podemos entrar nese xogo. Temos unha literatura consolidada, así que podemos abandonar de vez as posicións defensivas, que tampouco nos favorecen. Os desafíos son o libro electrónico e os novos lectores, a gran materia pendente nunha literatura que vai sempre tan xusta. (…)
– X: Que cambiou nos repertorios a entrada da muller no sistema literario galego?
– DV: Quen escribe dende a conciencia de subalternidade non pode facelo doutra maneira que non sexa poñendo todo o protagonismo nos espazos da subalternidade, sexa de xénero, sexa social ou cultural ou lingüística, e estou a pensar por exemplo na última novela de Iolanda Zúñiga, que é un clamor por facer visíbel a subalternidade. A muller contribúe a renovar os repertorios dun xeito complexo, sutil e profundo, e por tanto revolucionario. (…)
– X: Nesa lóxica, tamén é banal hoxe a polémica arredor do ciclo O ceo das letras?
– DV: Si, é banal, e ademais é unha polémica montada por persoas que o que quererían é estar coordinando ese ciclo. E ten que ver tamén coas dificultades do establishment para confiar na xente nova. É suicida. Este país e esta cultura, se se salvan, é pola xente moza.
– X: Habería outro affaire Xurxo Borrazás, na medida en que Arte e parte ou incluso Prosa vertical parecen reivindicar a autonomía do escritor?
– DV: Máis ben vexo na súa actitude, nos seus artigos, na campaña que montou contra Freixanes, unha reclamación: que se lle devolva ao escritor esa función de salvagarda da ética. É un rol periclitado, e por moito que non lle guste, non é algo que teñamos que lamentar.