Rafael Lema: “A educación debe amosar que rico é un cando sabe de onde vén”

Entrevista a Rafael Lema en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Narrativa e poesía son os dous eixes talvez esenciais da túa obra, porén, en cal dos dous mares ou ríos estás máis no propio de ti?
– Rafael Lema (RL): Hai dous campos para min, a prosa e a lírica. Separados. E está nacendo unha linguaxe do futuro que vai máis alá dos xéneros vinculado a tecnoloxía. Para min a poesía é unha maxia, algo dado a uns poucos no aspecto creativo pero para moitos porque está dentro do ser, é unha necesidade. Por iso creo nunha fala poética propia. Dicía Ezra Pound que hai que cargar de significado os versos e que se queremos dicir algo non perdamos a ocasión de facelo en boa prosa. Facer unha poesía críptica, simbólica, sensitiva. De careixas verbais, evocacións. E a carón do texto unha poética que permita ter a chave para abrir a caixa de segredos que encerran os versos. En canto a novela, creo na verosimilitude e na consigna cervantina de instruír deleitando. Encántame a nosa historia, sobre todo a naval, sacar das sombras persoeiros reais pero que pasaron pola vida como un lóstrego, dos que só sabemos unha anédocta, unha frase, unhas liñas tortas no mar dos acontecementos históricos, e arredor del recrear unha sociedade, un mundo, unhas xentes que foron os nosos avós, bisavós. Pero outro aspecto é o contemporáneo, sobre todo, con persoeiros novos, xente de aquí e de agora cos problemas e conflitos que vivimos. Creo na narrativa áxil e comunicadora, na aventura, no disfrute por ler. Empecei poeta e iso marca, acabar un poema é un xeito de aclarar as tebras, diría Proust; pero creo que a novela é a catedral da literatura, un complexo mecanismo de xente, de vidas, un universo máxico, embaucador.
– GH: Sen exclusión de ningún xénero, cal é a túa reflexión sobre a literatura galega actual?
– RL: Temos que pensar que conviven as xeracións con mais e mellores títulos da literatura galega, e iso debe ser un caso único en Europa, porque hai trinta anos apenas había referentes. E as grandes obras clásicas, que son poucas pero hainas, apenas se coñecen, e se se citan non se len. Porque O mesón dos ermos, ou todo Cunqueiro, parecen feitos nunha época de ouro, e naceron nun deserto, nunha época terrible. Teño confianza no futuro porque o galego medrou en dignidade, en lectores e en escritores, e as novas tecnoloxías alimentan e fomentan a comunicación, a creación e o achegamento de todos a todo. En poesía e en literatura xuvenil podemos competir sen medo en calquera feira. A poesía está pasando un momento difícil e é algo necesario, debemos ter un canle de visualización do moito e bo que se fai. E non hai campo tampouco para as novelas grandes, esas que lle dan prestixio as linguas. De todos xeitos empezamos unha nova revolución virtual e técnica e creo que temos moito que dicir no aspecto creativo.”