Manuel Lourenzo: A andaina de Casahamlet

Entrevista a Manuel Lourenzo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Traballades moito con textos de autores galegos. Raúl Dans dicía hai pouco cando recolleu o Cunqueiro que moitas compañías tendían a ignorar os dramaturgos do país….
– Manuel Lourenzo (ML): Eu creo que o problema é dun descoñecemento total. Nós non somos unha compañía de moito dispendio, ver escenografía nos nosos traballos é raro, porque o que nos importa é o esencial, os elementos que definen o teatro, que é unha consideración sobre as condutas humanas. E temos autores e autoras que expresan moi ben as condutas humanas. Non nos faltan dramaturgos, o que falta é normalidade, unha programación máis ou menos continuada… E liña que comezou Cristina Domínguez á frente do CDG, era moi intelixente á hora de conectar cos autores novos…
– GH: Pero agora cambiou a cousa: están as débedas de Xunta e concellos coas compañías, os recortes nas axudas á produción e nas programacións… Como ve a situación? Como lles afecta?
– ML: Pois é un desastre. A nós non nos afecta tanto porque hai anos que non pedimos axudas á produción. Valémonos cos nosos propios medios, como podemos, con precariedadade pero imos tirando, e ademais temos unha relación contractual coa Deputación, que é ademais unha relación moi normal, moi libre, que comezou con Lendoiro e segue con Moreda. E non ter conflitos coa administración si que é difícil… Respecto da Xunta, parece que a administración non quere nada con nada que teña que ver coa lingua, non só o teatro. A crise é unha excelente ocasión para que os políticos beneficien os sectores ricos da sociedade… pero iso pasa en todos lados, non só aquí. Cando hai unha cultura como a nosa, que sobrevive como pode, co esforzo de todo un pobo, ou de non todo porque non se dan as condicións para que sexa así, é lamentable que a administración non cumpra o seu papel de dándolle prioridade á cultura…”