Desde Erregueté:
“Coincidindo coa estrea de A velada de Londres, o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero amosará ao público tamén unha exposición itinerante de seis paneis, que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria. Queren ofrecer así “unha experiencia completa e un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo”, falecido o ano pasado.
Deseñada baixo o título Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira, coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.
Esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón “unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre”. Máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere “celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado”.
A exposición amosa “a dimensión colosal dun creador que facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para ‘alumear unha Galicia gris’”. Entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras “porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Manuel Lourenzo
A Coruña: O teatro é Manuel Lourenzo
Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“O 7 de xullo, ás 20:00 h., no Circo de Artesáns (Rúa Santo André, 36, baixo), na Coruña, presentamos o acto O teatro é Manuel Lourenzo, unha homenaxe moi especial coa que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda quere recoñecer o legado desta figura imprescindible da nosa escena.
Ao longo de toda unha vida dedicada ao teatro, Manuel Lourenzo non só nos deixou unha obra inmensa, senón tamén unha maneira de entender a creación, a lingua e o compromiso coa cultura galega. Dramaturgo, actor, director, mestre e referente para varias xeracións de xente de teatro, a súa pegada está presente en moitos dos camiños que hoxe seguimos a percorrer.
A homenaxe correrá a cargo do noso grupo, Alexandre Bóveda Teatro, dirixido por Manuela Varela, que representará seis pezas breves da súa autoría, acompañadas doutros textos significativos. Con este espectáculo queremos achegarnos ao seu universo teatral e, sobre todo, darlle as grazas por escribir, por crear, por ensinar e por dedicar a súa vida a facer medrar o teatro galego.
Esta homenaxe nace da admiración, pero tamén do máis profundo afecto. Porque celebrar a Manuel Lourenzo é celebrar unha parte fundamental da nosa historia teatral e cultural.
Será no espazo do Circo de Artesáns, na planta baixa. A entrada é libre ata completar a capacidade do local.”







