Entrevista a X. H. Rivadulla Corcón en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Que relación tiveches con Uxío Novoneyra? Que recordos tes del e por que te marcou tanto?
– X. H. Rivadulla Corcón (XHRC): Tivemos unha amizade que eu me atrevo a cualificar de intensa. Foi na época dos seus primeiros anos en Compostela, pois eu daquela vivía nesa cidade. Ía moito á súa casa e sobre todo paseabamos moito polo Franco e a Alameda. Creo que aprendín con el moito máis do que podo imaxinar: aprendín que un ten que esforzarse por ser un home bo e fiel á súa idea da vida. Son totalmente debedor da súa poesía, non tanto da forma como do concepto que el tiña da poesía, ese concepto esencial de que a poesía ten que ser sempre verdadeira. Sempre levarei no meu corazón a miña gratitude á súa persoa por permitirme camiñar ao seu lado polas rúas de Compostela. Moitas veces sentíame como se fose o seu escudeiro.
– GH: Por que o libro Memorias dun neno labrego foi unha influencia tan importante para ti e para a túa obra?
– XHRC: Non só Memorias dun neno labrego, tamén No cadeixo de Paco Martín e Os dous de sempre de Castelao. Lin eses tres libros con 14 anos, e supuxeron a miña entrada na literatura galega. Na escola de finais dos sesenta e a principios dos setenta non nos facían ler en galego, pero en Muxía si, porque alí estaba de mestre o escritor Xoán Babarro, e os meus amigos muxiáns foron os que me pasaron eses libros. Eu espertei á realidade do meu pobo a través deses libros, e lembro perfectamente que despois de lelos quixen ser escritor.”