Convocado o II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 da Deputación da Coruña

“Para darlle continuidade ao premio creado o ano pasado en memoria de Rosalía de Castro, coa fin de recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada, a Deputación da Coruña convoca a II edición do premio de acordo coas seguintes bases:
Primeira. Obxectivos:
* Darlle continuidade á convocatoria do Premio Rosalía de Castro iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.
* Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
Segunda. Destinatarios:
Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
Terceira. Méritos que se valoran. Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
* Tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego.
* Actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega.
* Uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos.
* Campañas de información e/ou publicitarias en galego.
* Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.
Cuarta. Premio:
O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso. O Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.
Quinta. Prazo:
O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo de 2011, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es. O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.
Sexta. Xurado:
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:
* Secretaría Xeral de Política Lingüística,
* Movemento asociativo da provincia da Coruña,
* Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,
* Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,
* Medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,
* Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.
Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes. O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar deserto o premio. A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. O xurado queda facultado para interpretar estas bases.
Sétima. Entrega do premio:
A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.
Oitava. Candidaturas non seleccionadas:
Poderanas recoller ata finais de maio logo da presentación dun escrito asinado por algunha das persoas que formalmente presentaron a proposta no Servizo de Fomento-Unidade Técnica de Normalización Lingüística. Pasado este tempo entenderase que renuncian á súa propiedade.
Novena. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.”