Calros Solla gaña o XIV premio de poesía Johán Carballeira

O xurado da XIV edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu, e constituído por Lucía Novas, Antón Lopo, Olalla Cociña e Xabier Framil Barreiro, escolleu, por unanimidade, como gañador o libro presentado por Calros Solla, Koyi Kabuto. Lume de ollos en MazinGZ. O xurado xustificou a súa resolución alegando que a obra “aposta por crear un mundo propio a partir de elementos da cultura popular contemporánea (desde o anime á televisión, pasando por internet e os petroglifos de Mogor). Cuestións de actualidade (a celulosa de Pontevedra, a ampliación da ponte de Rande, o tren de proximidade…) vehiculízanse nunha poesía enxeñosa e lúdica, descarada, con sabor a licor café e algo de resaca”. Segundo explicou o autor, a obra foi construída a tres voces. Unha é do transcritor, pois utilízase a técnica do manuscrito atopado. Outra é a do robot MazinGZ -trasunto galego de Mazinger Z-, e outra a do seu piloto, KoyiKabuto: “Quería que se acabasen confundindo as voces. No libro hai historias de amor e desamor, e de loita contra o mal. Os superheroes pelexan, nunha loita desigual, contra o mal -o goberno-, que quere acabar coa nosa lingua, a nosa cultura e o noso medio natural. Escollín a superherores porque é o que lle fai falta ó noso pobo contra os ataques á lingua e a cultura”.