Tucho Calvo: “A discriminación positiva para o idioma galego é imprescindible”

Entrevista a Tucho Calvo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A literatura galega acadou un grao de universalidade que antes non tiña?
– Tucho Calvo (TC): Os tempos mudan e a sociedade impón cifras e metas inalcanzables noutros momentos. Pero é certo que podemos sentir fachenda de acadarmos unha cota de participación no pastel que soborda o que lle correspondería a unha sociedade minoritaria como a nosa.
– GH: Como se pode explicar que por unha banda se publique máis, e pola outra se venda, e mesmo se fale menos en galego?
– TC: O máis importante é que temos unha cultura normalizada na que calquera pode atopar en galego o libro que precisa, de calquera xénero que sexa. O sobranceiro é que creadores e investigadores dos máis diversos eidos transmiten os seus coñecentos na nosa lingua e que temos un tecido editorial que o fai posible. Logo está o mercado, no que as cousas evolúen cada vez máis de presa obrigándonos a todos a adaptacións non sempre doadas. Hai que loitar por unha clientela numericamente pequena como o é o universo da nosa poboación, e por forza iso require campañas que capten a súa atención, poñer de moda os nosos contidos e ofrecelos en todos os formatos que poida desexar. (…)
– GH: E novela, que hai desa gran novela que todos agardamos de ti?
– TC: Todos debedes ser ben poucos, ou poida que ao estar a agardar por esa gran novela a decisión sexa non mercar ningunha das anteriores. En todo caso, co relato titulado A gran novela gañei hai moitos anos o Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro, así que iso é o que teño adiantado. Pero, máis en serio, direiche que estou a traballar nunha novela que escribín a comezos da década e que mesmo poida que bote man dalgunha parte doutra que fixen dez anos antes. A min divírteme escribir, pero cando remato e vexo con certa distancia o escrito é cando me decato do moito traballo que queda por facer e iso arrepíame. Volver sobre os textos unha e outra vez para tentar unha mínima calidade é tedioso e só produce un chisco de satisfacción se ao remate acadas o desexado.”