Víctor Freixanes: “Detrás de Vilanova de Alba está un país sen a vontade de ser”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Cre que o seu oficio de editor interfire na túa repercusión como escritor?
– Víctor Freixanes (VF): Na miña repercusión como escritor non sei moi ben. Supoño que hai xente que pensa que son un escritor con vantaxes, e é certo. Estou no sistema e estou en posicións de responsabilidade no sistema. Pero tamén é certo que hai e houbo moita xente así: Guelbenzu, Gimferrer, Gallimard, Carlos Casares, Fran Alonso. E non pasa nada. Forma parte do sistema. Os que estamos nisto temos sempre a sensación de ter que demostrar dúas veces a condición. Tamén é verdade que eu levo na escrita desde os 24 anos, cando se publicou Unha ducia de galegos, e que a miña obra literaria é anterior ao meu traballo como editor. Non oculto que cando me decidín a publicar este libro, Cabalo de ouros, era unha dúbida que tiña de se debía publicar na editorial que dirixo ou non. Pero non é a primeira vez que me pasa. A cidade dos Césares é un libro que eu lle dera a Galaxia, entre outras cousas porque eu tiña alí publicada toda a miña obra. Dirixía Xerais por entón e case cando o libro estaba para entrar en imprenta, os compañeiros de Xerais dixeron que como era posible que estando á fronte dunha editorial o libro fose publicado por outra. Agora quizais o fago con menos dúbidas porque a miña casa para editar foi sempre Galaxia, que onde están todos os meus libros, menos dous. (…)
– LVG: ¿Séntese cronista dunha época en desaparición?
– VF: Na escrita de cada quen faise a parábola do mundo que vive. No meu caso creo que tamén. Nas miñas novelas hai esas parábolas. Nesta, que está máis cerca de nós no tempo e na paisaxe que o Triángulo ou que os Césares, está moito máis clara esa crónica. Detrás de Vilanova de Alba está un país sen a vontade ser. Vai no discurso porque a escritura de ficción é o máis parecido a debrocar os soños no diván do psiquiatra.”