A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convoca os escritores e escritoras galegas á participación activa no acto que se celebrará o vindeiro sábado 9 de abril no IES de Celanova. En palabras do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez: “defendermos a memoria material do país, o patrimonio artístico que fai agromar unha literatura propia, é fin fundacional e obriga moral desta Asociación.”
Non é esta a primeira actuación de compromiso conxunto da AELG coa Plataforma en defensa do Poleiro, que constituíu unha proclama unánime no libro En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro de Celanova. Mais entendemos que é preciso continuarmos manifestando o noso apoio explícito coa sociedade e mais co ensino público galego, á vista do nulo avance neste tempo que garanta que o instituto de Celanova poida continuar no mesmo lugar: o mosteiro de Celanova.
Lembrámosvos que a corporación municipal —coa complicidade do goberno actual da Xunta de Galiza— pretende, aducindo vagas e contraditorias xustificacións, espoliar un ben senlleiro do patrimonio de todos, representado polas dependencias do mosteiro de Celanova que acollen as aulas do instituto.
Nas instalacións deste edificio, que é un dos emblemas da historia e da cultura de Galiza, fórmase o alumnado dunha ampla área xeográfica. Mercé ao investimento continuado de fondos públicos, é exemplo da adaptación dun edificio histórico aos máis modernos usos educativos, avalados tanto en resultados académicos como en acondicionamento arquitectónico e tecnolóxico, polo que a tentativa de pór en mans privadas un edificio de titularidade pública —destinado ao mellor uso que se lle pode dar, a formación de toda a mocidade da bisbarra— é un atentado perpetrado dende as premisas neoliberais.
Agora cómpre amosarmos novamente a nosa solidariedade con esta causa, que é de todos, participando no acto que se vai celebrar o 9 de abril nas aulas do instituto, co seguinte programa:
ENCONTRO NACIONAL DE ESCRITORAS E ESCRITORES GALEGOS NO IES DE CELANOVA
Sábado 9 de abril, ás 12:00 h., no Instituto de Celanova.
Organizan: IES de Celanova / Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova / Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– 12:00 h. Biblioteca:
* Acollida aos/ás participantes.
* Doazón de exemplar(es) da obra de cada escritor/a para a biblioteca do instituto. Saúdo de cada escritor/a.
* Interpretación musical a cargo de alumnado do centro.
– 12:45 h. Percorrido guiado polas dependencias do instituto.
– 13:15 h. Claustro do Poleiro:
* Exposición pictórica da serie Paisaxe calcinada, de Mané Boán.
* Mostra de traballos do alumnado dos centros de ensino da bisbarra relativos á promoción do uso do idioma galego. Está organizada pola Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.
– 13:30 h. Recitado de poesía galega, diante da entrada do instituto, perante o busto de Celso Emilio Ferreiro, a cargo de escritores e escritoras participantes no acto.
– 14:30 h. Xantar.
O acto contará coa presenza dos escritores e escritoras Ramón Nicolás, Manuel Vidal Villaverde, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Lois Antón Pérez, Sulma Arias, Henrique Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Xerardo Méndez Álvarez, Jorge Emilio Bóveda Álvarez, Xosé Benito Reza, Baldo Ramos, Ramón Caride e Carlos Negro. Pódense ver as adhesións ao acto aquí.
A HISTORIA
O Mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado en 936, suma na actualidade máis de século e medio de uso público. Tras a desamortización de Mendizábal, pasou a mans do Concello. No século XIX albergou dúas escolas de primaria. Os Padres Escolapios fundaron tamén alí un colexio que chegou a ter 200 alumnos. En 1975, o concello cedeu parte do mosteiro ao Ministerio de Educación para crear o Instituto de Celanova. O claustro e a veciñanza opóñense ao traslado do centro e a que no mosteiro se constrúa un Parador Nacional de Turismo, como está en proxecto.
Crónica posterior en Xornal.