Marcos Calveiro: “Eu non escribo no folio en branco para sufrir senón para divertirme”

Entrevista a Marcos Calveiro en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): Por que escribe vostede?
– Marcos Calveiro (MC): Un autor pon moito da súa vida nos libros. Son unha parte importante da miña vida e eu pásoo pipa escribindo. Non escribo para sufrir no folio en branco. Si, hai moito traballo pero divírtome. Supoño que, como fun un gran lector dende neno, teño esa pulsión de escribir. (…)
– FdV: Que destaca de Lois [Pereiro]?
– MC: Era un poeta minucioso. Escribía e correxía; podía estar meses cun poema buscando a palabra axeitada; tiña unha poesía destilada como se fose un licor. Os poemas parecen sinxelos pero chegar aí é moi difícil. O seu corpo, pola enfermidade e a dor foi unha loita constante.
– FdV: Cre que Pereiro é o gran descoñecido para a xente nova?
– MC: Penso que non. Os seus libros vendéronse ben. Os da miña xeración tiñámolo coma un mito. Para o gran público… Era máis coñecida María Mariño que Lois? Eu penso que non. Este ano por primeira vez a Real Academia Galega non vende o cadáver exquisito de tódolos anos do ano catapún-chimpún.”