Certame Choven letras de Lois Pereiro, convocado pola Fundación Caixa Galicia

“A Fundación Caixa Galicia presenta a novidade Choven letras de Lois Pereiro, un concurso para os centros de Primaria. Con este certame pon en marcha un novo plan de promoción das Letras Galegas que busca ademais a participación dos centros educativos para que amosen os seus programas de actividades en torno á efeméride, non necesariamente relacionados con Lois Pereiro:

BASES

A Fundación Caixa Galicia convoca o Certame Choven letras de Lois Pereiro destinado a apoiar a promoción das Letras Galegas, en recoñecemento ao esforzo realizado polos centros de Educación Primaria na difusión desta efeméride.

Quen pode participar?
Poderán participar os centros de Educación Primaria que teñan desenvolvido un proxecto ou algunha actividade en concreto con motivo das Letras Galegas 2011.
Proxectos
Os centros que desexen participar neste certame deberán enviar por correo electrónico á dirección boletinculturalinformacion@caixagalicia.es o proxecto ou actividade deseñados con motivo da celebración do día das Letras Galegas 2011, que poderán acompañar de vídeos, fotos, ou calquera outro material que sirva de apoio do mesmo. Esta documentación deberá vir acompañada da folla de inscrición que se xunta como Anexo [Inscrición Certame Choven Letras de Lois Pereiro 2011] e deberá ser remitida preferentemente en formato PDF.
Prazo de presentación dos proxectos
O prazo de presentación dos proxectos iníciase no momento da publicación destas bases e concluirá o 26 de maio de 2011 ás 17:00 horas.
Proceso de selección
A selección dos proxectos gañadores levarase a cabo por un Xurado da Fundación Caixa Galicia. O xurado realizará a selección baseándose no seu interese, orixinalidade e calidade, así como na súa capacidade para transmitir o espírito desta efeméride. Os premios poderanse declarar desertos se o Xurado así o valorase. A decisión do xurado será inapelable. O fallo emitirase na semana seguinte ao peche do certame e comunicarase a través da web da Fundación.
Premios
Establécense dúas categorías de premios destinados ás Bibliotecas dos Centros gañadores:
* Primeiro premio: un ordenador sobremesa HP Pavilion p6600es-m AMD Athlon II X2 220 + Monitor 20″.
* Segundo premio: un lote de libros.
Dereitos de explotación
No caso dos proxectos que resulten premiados, entenderanse cedidos á Fundación Caixa Galicia, sen limitación espacial nin temporal ningunha, os dereitos de explotación sobre ditos traballos, incluíndose entre os mesmos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación.
Aceptación das Bases
A participación neste certame supón a aceptación das súas bases.
Información
Para calquera información adicional ou dúbida poderase enviar un correo electrónico a boletinculturalinformacion@caixagalicia.es. As bases do certame pódense consultar aquí ou descargar neste arquivo: Bases Choven Letras de Lois Pereiro 2011.”