Xesús Manuel Marcos: “Quixen mostrar as entrañas do que pasa nas misións de paz”

Entrevista a Xesús Manuel Marcos en Faro de Vigo, desde Xerais:
“- Faro de Vigo (FdV): A temática da guerra non é frecuente na narrativa galega. Por que se decidiu a afrontala -e, ademais, dun xeito tan brutal en O bebedor de rakia?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): A novela non xurdiu desa forma, como posibilidade de “afrontar” unha determinada temática. Simplemente, coñecía unha serie de circunstancias acontecidas nese lugar (a guerra de Bosnia) e nese periodo de tempo (1992–93),e pensei que podería intentar escribir unha historia. Por outra banda, a cuestión das misións humanitarias é algo que está en boca de todos, mais as informacións que abordan isto quedan na superficie, e non sabemos moi ben que se fai alí e como se desenvolve o traballo dos militares destinados nestes lugares. Polo tanto, intentei, a través dos meus personaxes, mostrar as entrañas do que aconteceu nunha destas misións, co fin demostrarlle ao lector aspectos seguramente descoñecidos para el. (…)
– FdV: O feito de vivir en Madrid, que perspectiva lle dá sobre a literatura galega que se está a facer e de que xeito inflúe na súa propia obra o residir fóra de Galicia?
– XMM: O que percibo é a existencia dunha literatura rica, variada, cunha serie de autores que contan coas lecturas e a experiencia na escrita suficientes para facer o que lles pete. Ademais, conflúen arestora escritores de varias xeracións, todos con grande madureza. Por outra banda, estamos diante dunha literatura pouco promocionada e valorada, tanto dentro como fóra de Galicia e, polo tanto, ignorada en boa medida. Polo demais, vivir nunha cidade como Madrid inflúe sobremaneira nun escritor, xa que somos como esponxas. O tipo de vida e as relacións que se establecen son distintas, iso afecta e cambia a túa escrita porque tamén te cambia a ti. Tematicamente, de certo que amplía as perspectivas e as posibilidades. O acceso a todo tipo de información tamén é unha axuda importante á hora de buscar novas cousas que contar. No meu caso, que me criei nunha pequena aldea courelá, os contrastes son enormes. Todo isto, sen perder a perspectiva, sen esquecer quen son, de onde veño e que cousas quero contar.
– FdV: Unha boa parte da súa produción enmárcase no campo da chamada “literatura xuvenil”. Vde. ten en conta a idade do público ao que se dirixe?
– XMM: Cando se trata da mal chamada “literatura xuvenil”, non o teño en conta. Supoño que si o tería no caso de escribir literatura infantil. Por unha cuestión de madureza no lector. Aínda que ultimamente é este tipo de lector o que máis me sorprende, pola súa imaxinación e creatividade, pola súa total implicación perante calquera proposta. Cada día me sinto máis a gusto na súa compaña.”