Elena Gallego: “Vexo centos de títulos nas librarías pero os nosos, os galegos, no último recuncho”

Entrevista a Elena Gallego en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): ¿Como sucedeu a metamorfose que a transformou a vostede de xornalista a escritora?
– Elena Gallego (EG): Para ser escritor hai que ser lector. Eu leo desde que recordo e cando soñas historias alleas, soñas tamén con escribir as túas. Miña nai garda nun caixón unha novela que escribín con 13 anos titulada A rapaza dos ollos vermellos. Aínda non me atrevo a lela, dame pudor, pero está aí. Eu xa escribía poemas… por iso caín no xornalismo que ten a súa parte creativa. O catalizador foi escribir a novela que quería que lera o meu fillo, que conseguira entusiasmar a un adolescente. Vin que nas librarías e bibliotecas non había nada noso, nada galego, e quixen demostrar que se podía facer. (…)
– FdV: –Xa se fala de Dragal como o Harry Potter galego, ¿para cando a versión no cinema?
– EG: O primeiro que me preguntan os nenos cando falo nos colexios é cando vai sair o videoxogo. Soñar é gratis pero eu son realista. O problema que vexo é que hai demasiadas propostas de literaturas, centos de libros nas librarías e os nosos, os galegos, no último recuncho. Eu creo que Dragal pode competir con outras historias que son best seller pero confórmome con que lean a historia e se gusta, que a compartan. E non hai nada máis flipante que os nenos curiosos e agradecidos. Vexo voar o dragón nos seus ollos.”