Ponteceso: Encontro fotográfico-literario na busca das fotos con cheiro

O sábado 18 de xuño en Ponteceso terá lugar un Encontro Fotográfico-Literario de miradas poéticas sobre o espazo (des)habitado coa consciencia de que detrás de ningures sempre hai algo que permanece. Entrar nese mundo baleiro é habitar Areaquente, o lugar das sombras ás que lles cazar a súa luz, o seu “cheiro” da man da escritora An Alfaya e da fotógrafa Olga Seoane Paulus. O programa é o seguinte:
– 10:00 a 10:15 h. Chegada a Ponteceso, recepción na Fundación Eduardo Pondal, (O Couto, 15110, teléfono 981-714000).
– 10:15 a 10:30 h. Visita á exposición Fundación Eduardo Pondal.
– 10:30 a 11:30 h. Presentación da novela Areaquente, publicado en Sotelo Blanco. Intervirán a autora, An Alfaya e Ánxela Gracián, directora da colección.
– 11:30 a 13:30 h. Primeira parte do Obradoiro fotográfico a cargo da fotógrafa Olga Seoane Paulus. Lugar: Fundación Eduardo Pondal. (O curso contará cunha explicación teórica dos principais elementos que interveñen nunha fotografía (tempo de obturación, profundidade de campo, luz…) e cunha explicación de como conseguir selo de autor ou mirada de artista, isto é, fotos con cheiro).
– 13:30 a 14:00 h. Chegada á Praia de Balarés, onde terá lugar o xantar (optativo): prezo 25 euros, previa reserva.
– 16:00 a 19:00 h. Fotografar o espazo. (Segunda parte do Obradoiro fotográfico a cargo da fotógrafa Olga Seoane Paulus. O curso contará cunha explicación práctica do encadre, texturas, espazos, luz… nos escenarios das aldeas do Roncudo e Candelago para fotografar a memoria, as casas baleiras, as portas vencidas e, tras delas, a vida doente das sombras, os amores furtivos e os pasos perdidos, nostalxias que atraparemos na lente da nosa cámara con ese instinto de cazador de fotos con cheiro. Importante levar calzado cómodo, cámara de fotos dixital ou analóxica e actualizada a lectura da novela Areaquente de An Alfaya).

O prezo é de 50 euros (incluindo xantar e obradoiro fotográfico) e 25 euros (incluindo só o obradoiro fotográfico). Comunicarase a inscrición a Sotelo Blanco Edicións no mail soteloblanco@soteloblancoedicions.com ou en horario de mañá no teléfono: 981-582571 indicando nome completo, correo electrónico e un número de teléfono de contacto e realizarase o ingreso na conta 2080 0155 13 0040015861 (Novacaixagalicia), indicando o nome completo e a actividade (xantar e obradorio fotográfico, ou obradoiro fotográfico). O prazo de inscrición remata o mércores 15 de xuño. Prégase levar o xustificante o día do Encontro Fotográfico-Literario Na busca das fotos con cheiro.
Hai un total de 50 prazas, até esgotar o número de prazas por orde rigorosa de inscrición e pagamento.
Organizan: Sotelo Blanco Edicións en colaboración da Fundación Eduardo Pondal e co asesoramento da sección de Turismo do Concello de Ponteceso.