‘Os escritores achan un erro estrondoso que o Litvi non inclúa autores da literatura galega’

“A programación do II Encontro de Literatura de Viaxes (Litvi), que comeza o próximo 14 de xuño cunha conferencia inaugural do escritor Antonio Gala, espertou o enfado de certos sectores da cultura do país ao non incluír autores da literatura galega. “Resulta sorprendente que non se inclúan autores galegos nun ámbito tan emblemático na literatura galega como é a literatura de viaxes e no que sempre houbo autores como Álvaro Cunqueiro ou Blanco Amor. Resulta sorprendente e resulta un erro estrondoso. O enfado que hai nos escritores é grande”, explica o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O programa do II Litvi foi presentado o martes pola súa directora, Ana Trevisani, e o director xeral do libro, Francisco López. A atención centrarase nesta ocasión na gastronomía e na fotografía e o encontro será inaugurado polo escritor Antonio Gala. Entre os nomes máis destacados do programa atópanse Julio Llamazares, José Luis Corral Lafuente ou o presentador José María Íñigo. Ademais, un dos temas principais será a Catedral de Santiago, xa que este ano se celebra o 800 aniversario da súa consagración.
Estas circunstancias espertan a sorpresa do sector cultural en Galicia. “Hai tres cousas que destacar de forma obxectiva. A primeira é que é unha boa noticia que se promova a continuidade dun encontro temático. O segundo é que non están presentes autores en galegos. O terceiro é que parece que se suprime a feira do libro de viaxes que se iniciou o ano pasado”, explica Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), que lembra que a única excepción sería a participación do fotógrafo Xurxo Lobato, que ten publicado en galego. Non obstante, Xurxo Lobato participa como comisario do festival Olladas viaxeiras. Trátase dun festival con diversas proxeccións audiovisuais nas noites do sábado 17 e 18 de xuño.” Vía Xornal. Máis información no día seguinte no mesmo medio.