María Reimóndez: “Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota”

Entrevista a María Reimóndez en Galicia Hoxe, por Manuel Vidal Villaverde:
“- Galicia Hoxe (GH): De todos os libros escribiches ou traduciches, non sería impertinente preguntarche de cal gardas mellor recordo…?
– María Reimóndez (MR): Gardo bo recordo de todos, abofé, pero no momento no que estou non podo evitar referirme á tradución de Despois da medianoite, da escritora támil Salma, que acaba de saír en Xerais. Foi un traballo intenso e apaixonante que estou moi contenta de que poida falar en galego pola miña mediación. De creación propia, sigo sorrindo cada vez que penso en Moda Galega, por ser o meu primeiro libro, o meu único poemario publicado e un berro que por desgraza segue de actualidade, creo eu. (…)
– GH: O noso idioma, ai. (…)
– MR: Eu teño toda a fe do mundo na inmersión lingüística e no amor polas linguas pero iso só é posible cando comezas pola propia. Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota e ademais un absurdo só coherente nun mundo dominado por certos idiomas. As linguas só valen nos seus contextos e, para falar coa xente que temos preto e que nos importa, a lingua máis importante é o galego. O problema é que estamos en tempos de pensamento único e monolingüe, un ideal de calquera sistema de dominación porque cando lle quitas a lingua ás persoas, pouco queda delas (pensemos en como ás escravas lles cortaban literalmente a lingua para que non puidesen organizarse e loitar nas plantacións americanas). O discurso de que o galego non vale para nada encaixa con esta mentalidade e vén reafirmar prexuízos antigos aprendidos coa vara do mestre na escola ou a ridiculización pública. O debate, pois, é previo mesmo aos conceptos que mencionas e ten que ver cun traballo por unha banda interno e pola outra externo. A nivel interno falta diálogo coa cidadanía non a través de campañas e pósters senón a través de axentes activos (que hai moitos! As escritoras e escritores somos parte deles, tamén o profesorado) e coordinados. Aquí faltou a normalización lingüística como proceso de diálogo e agora estamos colleitando as consecuencias. Poderiamos aprender moito dos países do Sur neste tipo de traballo, pero adoitamos mirar cara a outro lado. A nivel externo cómpre fomentar as alianzas entre pobos que non falamos linguas hexemónicas porque somos a maioría da poboación mundial. Aí a tradución é fundamental, sen dúbida e tamén ser conscientes da relevancia de todos os idiomas. Pensando no meu traballo, na Unión Europea hai moita máis demanda de intérpretes de grego-finés que de inglés-castelán. En calquera caso, a situación actual en Galicia roza o delito e eu non saio do meu asombro ante tanto ornear o valor do pensamento único. A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico. (…)”