A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi referenciada en varias novas aparecidas nas últimas datas en diversos medios. Deixamos aquí as ligazóns e parte dos contidos:
– Cultura Galega: Da memoria á rede (21 de xuño):
‘Desde 2007, a Asociación de Escritores en Lingua Galega desenvolve, a través da súa sección de Literatura Oral, as polafías. Esta iniciativa recolle contos, cancións e historias populares en encontros por todo o país e súbeas á rede. Antonio Reigosa, coordinador desta iniciativa, explícanos como funcionan e ata que punto axudan a mudar a percepción sobre as nosas propias tradicións.
Xuntar un grupo de xente de certa idade do rural nun local e nunha data concreta. Ilos facendo pasar por un escenario e similar e que conten un sucedido, canten unha canción ou expliquen algunha lenda ou tradición. Gravalo todo e por unha selección de videos na rede. A priori, semella unha proposta ben sinxela ao alcance de calquera, pero leva un grande traballo de concienciación e de contactos detrás. Este é o que desenvolve Antonio Reigosa desde a sección de Literatura Oral da Asociación de Escritores no programa Polafía. “O proxecto ten por obxecto divulgar e dinamizar a oralidade, especialmente no que se refire á tradición oral, e de paso a música e todo o relacionado coa transmisión de cultura por esta vía”. O nome é un neoloxismo que combina varias das denominacións que se lle dan aos encontros festivos en diferentes partes do noso país (fiadeiros, fía, fiandóns, polavilas ou seráns, entre outros). Desde 2007 celebráronse xa dezaoito destes encontros, en lugares como A Fonsagrada, Cerdedo, San Cibrao, San Martín de Valdorras ou Xanceda, en Mesía. Como resultado deste traballo, o web da iniciativa recolle xa máis de 300 vídeos. “Fixéronse en todas as provincias, aínda que é certo que houbo máis na Coruña e en Lugo porque o proxecto conseguiu máis apoios das deputacións”.
O programa
“Montamos como un espectáculo en cada lugar”, explica Reigosa. Casas da cultura ou antigas escolas en vilas e parroquias rurais son os locais habituais para esta actividade. “Non temos un guión ríxido pero si unha guía previa sobre quen vai participar e máis ou menos o que van dicir. Normalmente intercálanse pezas musicais, romances e contos xunto con historia do lugar, oficios ou técnicas. Moitas veces acompañamos os actos con proxeccións de fotografías de historia do lugar. En realidade é unha posta en común do pasado co presente mediante a oralidade”. A elaboración do guión das diferentes sesións é o máis complicado desta iniciativa. Non é sinxelo convencer a xente, e mais se falamos dos máis vellos do país, a que vaian contar as súas historias en público, en boa parte porque moitos non consideran que eses saberes sexan de interese para ninguén. Unha autoxenreira que dificulta en moitas ocasións conservar e difundir este importantísimo legado. “O máis difícil é contactar a nivel local para cada unha das polafías e logo convencer a xente que interesa”. (…)
Contidos
A falar dos contidos que podemos atopar nos vídeos desta iniciativa, Reigosa apunta que “hai unha representación bastante grande da música, tanto instrumental como do cancioneiro popular. Logo hai bastante das lendas vencelladas a lugares da zona. Tamén contos de temática variada, historias ou sucedidos, ese tipo de relatos que están a medio camiño entre o conto e a historia sobre personaxes da zona”. Canda a isto, “tamén se pode ver nos videos unha lingua, un xeito de falar que está a desaparecer”.
Transmisores
Unha sección que se abriu no web das polafías que non estaba prevista nun comezo é a de Mestres da memoria. E é que tamén á hora de recuperar tradición oral aparecen auténticas minas de coñecemento. “Abrimos este capítulo con Alba Requeijo, que participou nas sesións de Outes e de Mondoñedo e que é un portento de memoria, recitado ou narrativa”. E é que, segundo explica Reigosa, “dentro dunha comunidade, a xente que tiña mellores técnicas de comunicación asumían o papel de transmisores do coñecemento, e a propia comunidade llo cedía. Pero a día de hoxe é un valor que está menosprezado”. (…)
Novas citas
Os interesados en vivir de primeira man esta experiencia terán a súa ocasión nos vindeiros meses. Para setembro está prevista a vindeira en Xirazga, Beariz, e para outubor será o Pazo de Tor, en Monforte, o que acolla a actividade. Tamén no vindeiro outono se achegará a iniciativa á Coruña, onde se pescudará na tradición oral do barrio de Montealto e o seu vencello coa cultura mariñeira.’
– La Voz de Galicia (Carballo): A tradición oral de Cerqueda da o salto á Rede da man dos escritores en lingua galega (21 de xuño):
‘As distintas manifestacións da cultura tradicional da parroquia malpicá de Cerqueda acaban de dar un salto importante de cara a súa preservación ao pasar a formar parte do arquivo etnográfico que está a elaborar a Asociación de Escritores en Lingua Galega co programa Polafía e que xa se pode consultar en Internet. Os 41 vídeos que se poden ver a través da web da AELG son o resultado da xornada desenvolvida na localidade durante antroido pasado en colaboración entre a propia asociación e as entidades locais Monte d’Arxa e Raigañas, e na que tomaron parte varias ducias de veciños. Coplas, romances, regueifas, comparsas, actuacións musicais e outras pezas da tradición oral local integran un valioso material que pode ser consultado xa desde calquera punto do Planeta a través de Internet. De feito, os 41 vídeos -algúns de só uns segundos de duración e outros de máis de dez minutos- recibiron en total en poucos días varios centos de visitas. Esta iniciativa permitiu rexistrar manifestacións que ata o de agora só se transmitiran de xeito oral e que, polo tanto, corrían o risco de perderse no esquecemento.’
– Que pasa na Costa. Diario dixital da Costa da Morte: A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda (18 de xuño):
‘Volvemos hoxe aos tempos do Entroido para disfrutar dunha auténtica tradición de Cerqueda, Malpica. A Polafía recolle a máis pura tradición oral, e dende xa a podemos disfrutar na rede. Un total de 41 vídeos de distinta duración, desde 1.30 ata 5 minutos, amosan desde esta semana o excelente traballo de recolleita de literatura oral e música tradicional que a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa organización das asociacións Monte d’Arxa e Raigañas e co patrocinio da Deputación da Coruña e do restaurante Aldeola, realizou o Domingo de Piñata e que xa se poden contemplar desde calquera parte do mundo. Coa súa visualización poderanse escoitar romances, coplas, fragmentos de regueifas de regueifeiros históricos como Cotelo da Ourada, Leonarda de Tallo e Cadete de Figueiroa, comparsas de Mens e Cerqueda, sucedidos, contos, lendas, ladaíñas, mandamentos, cancións de acordeón diatónico, de pandeireta e de gaita e a manifestación etnográfica dos Madamitos e Ghuardineros que foi rescatada hai décadas pola Asociación Cultural Raigañas. (…)’