Xavier Rodríguez Barrio: “Din nos libros de texto que son un poeta raro: vivir apartado en Lugo sálvame dos problemas que hai nos gremios”

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galicia Hoxe:
‘Foi así como comezou a moldear os versos de Calado testamento en 1995. Foron máis de quince anos de escrita a lume lento, nos que non renunciou ao verso libre e longo pero con ritmo nin ao pracer do recitado e á pulcritude lingüística co galego. “Cando comezamos a escribir non había dicionario nin gramática do galego. Eu nacín en Lugo capital e fun educado en castelán. Así que a miña preocupación máis profunda era recuperar formas perdidas da lingua para a linguaxe poética, o cal me valeu que me consideren nos libros de texto un poeta escuro e raro: vivo apartado en Lugo porque non teño carné de conducir. Pero iso permitiu que me salvara dos problemas que hai en todos os gremios e que me leve ben con poetas de Vigo ou A Coruña….”, argumenta.
O resultado é Calado testamento, un balance “amoroso, vital, da Terra, de Galiza como raíz”, pero non significa un punto e final senón unha obra de madurez. “O libro está dividido en tres partes nas que xogo con sensacións contraditorias. A primeira chámase En brazos da súa sombra, que xa no seu propio título fai referencia a connotacións positivas e negativas; a segunda parte, Tan inhóspita luz supón a vivencialidade da terra, un resumo do país onde vivimos e a derradeira parte Ningún regreso é unha volta ao que xa non existe, á infancia, a certas felicidades que non van volver”, comenta o autor. Para o autor lucense, a proba de que a literatura galega “evolucionou” reside nos “borbotóns” de novos escritores. “Antes eramos seis ou sete poetas que tiñamos como referentes a Ferrín, García Bodaño, Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Novoneyra, Xosé María Díaz Castro ou Cuña Novás. Hoxe o 90 por cento das novas xeracións de escritores son profesores de galego ou xornalistas”, comenta.’