Entrevista a Paco Martín en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi…
– Paco Martín (PM): Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas…
– GH: Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
– PM: Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei… Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
– GH: Como contrarrestar iso?
– PM: Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.”