Agustín Fernández Paz: “A ollada da xeración estafada

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Atlántico Diario, a través de Xerais:
“- Atlántico Diario (AD): Tras desta novela hai un traballo intenso de documentación.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Partín de libros que están na rede, do Consello da Cultura, interesantísimos sobre a emigración galega en París, a emigración política e a
outra. Tamén documentais sobre o campo de eoncentración de Francia (Argelès-sur-Mer) onde foron parar os exiliados españois tras a Guerra Civil. Hai moita documentación, moitos testemuños de xentes que estiveron alí e que aínda que non saian na novela están aí.
– AD: Non hai noite tan longa é a historia dunha xeración, de galegos que marcharon fóra e dos que quedaron aquí.
– AFP: Marcharon moitísimos por diversos motivos. Consultei a un amigo que estivo en París e contoume onde se xuntaban alí os exiliados e os non exiliados, onde ligaban coas españolas, que estaban de criadas a
meirande parte delas. Lin El Ruedo Ibérico (cadernos da editora creada en París por un grupo de exiliados) que tamén aparece no libro. A propia novela, con documentación que tes, márcache o ritmo. Logo hai que facer coma os cineastas, que rodan horas de película e despois teñen que darlle forma no proceso de montaxe.
– AD: Aínda que a súa literatura se distingue por afastarse dos cánones considerados tradicionais na literatura infantil e xuvenil, formulouse esta novela de xeito distinto por ser para adultos?
– AFP: Fíxena igual cás outras, procurando facer a novela da miña vida, que é como o intento sempre. Cando
o borrador estivo lexible foi cando o editor planteou a posibilidade de sacala en edición de adultos. E desta vez díxenlle que si. Era unha experiencia nova e quería ver se cambiaba a recepción crítica.”