A Coruña: Cita a dous, encontro de música e poesía con Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa

O mércores 29 de xuño, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Cita a dous, encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso, a parella convidada (en que unha das partes pertencerá sempre ao mundo da literatura) contará cun tempo previo á data sinalada para se mergullar na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que, unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, a retroalimentación e a experiencia compartida. Nesta segunda cita a parella está formada por música e poesía: Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca falar non só das obras finais que se mostran, senón tamén da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. O acto está coordinado por Antía Otero.