Paco Martín: “As autoridades culturais teñen que cumprir coas súas obrigas co pobo”

Entrevista a Paco Martín en Xornal:
“- Xornal (X): Que significa recibir a homenaxe dos compañeiros de oficio? Estas cousas sentan ben ou dan vertixe?
– Paco Martín (PM): Realmente sentar, sentan ben. Está claro que estas cousas chegan a u­nha certa ideade: moitas destas homenaxes dánse máis por vello que por outros méritos. Pero eu recibina con moitísimo agrado e moi satisfeito.
– X: Falar de Paco Martín é falar de Ramón Lamote, unha mítica personaxe da literatura infantil e xuvenil. Se se publicase aquel libro hoxe, nestes tempos de audiovisual e de ordenadores, tería tanto éxito entre os rapaces?
– PM: Poñerse a argallar na máquina do tempo non é doado. A verdade é que non sei moi ben como sería hoxe, pero penso que unha cousa non significa a desaparición da outra. Pode ser que hoxe haxa elementos audiovisuais que substitúen a palabra impresa de sempre, pero a xente lle segue a gustar ler e tamén lle segue a gustar o participar na historia que se conta. Ti lembrarás que Tolkien nunca quería que ilustrasen os seus libros, el prefería que o lector fose parte do que sucede nun libro. Se un está lendo que unha personaxe pasa polas beiras dun río, ten que imaxinar ese río e tamén as árbores, as vacas que están por aló e todo o que hai ao seu redor. Así un está a ser parte activa do que está lendo, mentres que nunha película na que se ve a alguén camiñando por diante dun río, xa ten o río, a paisaxe, os prados e as vacas. Nunha película está todo dado e particípase menos, pero coido que o desexo de participar na historia é eterno, vai durar sempre. Xa sexa a través da letra impresa ou da tinta dixital, os libros seguirán vivindo. (…)
– X: Nos últimos meses falouse moito da renovación da RAG e sobre o número de mulleres, pero tamén houbo quen apuntou que a literatura infantoxuvenil non está representada. Cre que iso debería mudar pola importancia do xénero?
– PM: Non son ninguén para dicirlle á Academia que ten que facer ou que non ten que facer. Unha Academia que, por certo, non é só da lingua. Se me preguntas se hai poucas mulleres na Academia, dígoche que si. Debería haber máis e non porque teña que haber unha cota, que iso me parece unha estupidez. Hai moitas mulleres máis que poden estar na Academia. Se me preguntas se Agustín ou Xabier deben estar na Academia, digo que si. Pero deberían estar por escritores, non por escritores de literatura infantil e xuvenil.
– X: Hai un ano e medio asinou, xunto o resto de Premios Nacionais galegos, unha carta pedindo a dimisión do conselleiro Varela por aquilo de que a cultura galega estaba “ensimismada”. Volvería asinar hoxe esa mesma carta?
– PM: Volvería asinala sen dúbidas, pero penso que habería que escribila en termos máis virulentos. Non se mellorou nada, só imos empeorando en todo. Iso está á vista de todo. As autoridades que deben traballar pola cultura non teñen interese. Desempeñan este traballo como poderían facer calquera outro. A nosa obriga, de todos os galegos, non só dos escritores, é esixir como se esixiu nesa carta que as autoridades culturais e educativas se comporten e cumpran coa súa responsabilidade co pobo. Penso que hai desinterese. Unha proba diso é que a maioría dos políticos falan ou escriben un galego espantoso. Son xente moi pouco interesada precisamente no que lles dá de comer. Penso que hai que loitar e desenmascarar todas as falacias que hai coa lingua.”