Marga do Val: “Sen lingua, somos seres sen patria”

Entrevista a Marga do Val en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A patria é a lingua?
– Marga do Val (MdV): Si, sen ningunha dúbida. A lingua é a pel coa que crecemos. A patria vai connosco a todas partes: corpo/ casa no corpo/ espazo portátil. A patria de Thomas Mann vive na Montaña Máxica, é a Montaña Máxica. É a lingua. Tamén era así para Lois Tobío, e é así para min. A súa liberdade está na miña liberdade. Os e as sen lingua son seres despatriados. E iso é o que pretenden facer, “despatriarnos”, atentar contra a nosa verdadeira identidade. Esta é unha das armas e trampas do fascismo: desposuírnos da lingua, da patria. Por iso no exilio podemos seguir tendo a patria, como Mann ou como Tobío. A lingua é refuxio e esperanza de liberdade mesmo nos campos de concentración nazis, como lle acontece ao protagonista de A lingua secreta, a impecábel novela de Xesús González Gómez. (…)
– ANT: Vostede traduciu a novela da Premio Nobel Herta Müller Randea do alento, publicado por Xerais, e o libro no dicir da crítica respira en galego. A AELG premiouna como a mellor tradución do ano.
– MdV: Traducir esta magnífica novela de Müller foi un agasallo do que aprendín moito. Un traballo intenso no que me peguei moito ao texto e no que pretendín ser leal e fiel á escrita e as intencións da autora. De Müller e da súa escrita gústame a súa reflexión sobre a linguaxe que se pode ler nalgúns dos seus ensaios, na súa narrativa ou na poesía, está reflexión materialízase e Randea do alento é un libro sobre a fame que habita nas palabras coas que hai que sobrevivir nun campo de traballo e despois do campo. Herta aprendeu ben cedo que “a memoria pode desaparecer, a verdade nunca”. O que non pode dicirse pode escribirse e así se enfrontou a esta historia de silencios, nun tempo non que non se podía falar do pasado fascista de Romanía. Do poeta Oskar Pastior, cuxa morte impediu a escrita conxunta desta historia, recibiu a súa experiencia no campo e entre outras múltiplas imaxes a palabra alemá Atemschaukel, que elixiu para título. Por lealdade, a tradución debía manter ese título que é literalmente Randea do alento. Moitas imaxes vangardistas creadas por Oskar e por Müller debían respirar en galego coa ruptura e a forza coa que naceran en alemán, así a cara de lebre que vai aparecendo na cara cando se adoece de fame, no tempo da pel nos ósos, debe permitirnos ouvir en galego lebreouhdor, como un berro múltiplo e coral. Na tradución había que ser leal á escrita, ás imaxes, á lingua de exilio de Müller e da colectividade alemá que vive en Romanía, con palabras nacidas e crecidas nesa colectividade. Mais tamén cumpría ser leal á lingua dos maiores que herdamos e aquí é onde me permitín como licenza algunhas “desviacións da norma”, e fun para o val da Louriña e o Baixo Miño, en moitos aspectos léxicos mais tamén me deixei contaminar en homenaxe á literatura galega por herbiñas doutros libros. O alemán de Müller paréceme moi galego e a fome do libro era moi semellante á que me contara un vello veciño que andara pola neve de lonxe coa División Azul, algo sobre o que estou escribindo e que tamén é unha especie de tabú.”