Obradoiro de creación literaria Inscribir o pensamento crítico. Xornalismo e ensaio cos ciceis de Begoña Caamaño, impartido por Inma Otero, na Coruña

Destacado

O Obradoiro de creación literaria Inscribir o pensamento crítico. Xornalismo e ensaio cos ciceis de Begoña Caamaño, impartido por Inma Otero, cunha sesión especial a cargo de Marga do Val, na Coruña, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello da Coruña e o Centro Ágora.

Exploraremos a escritura como forma de intervención a partir da obra de Begoña Caamaño, sobre todo a través da creación de textos xornalísticos e ensaísticos. Tanto os artigos como as novelas da autora, estimulantes, lúcidos e contemporáneos, servirannos de estímulo para a produción textual desde unha perspectiva crítica e analítica. Escribiremos desde Begoña e para Begoña. Begoñizarémonos desde o pracer azul da lectura.

20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde cronolóxica de solicitude.

– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, faise mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.

– O obradoiro terá lugar no Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17), na Coruña.

Calendario
– Días: sábados 9, 16, 23 e 30 de maio; e 6, 13, 20 e 27 de xuño.
– Horarios: de 11.00 a 14:00 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: Xornada do Día das Letras Galegas Begoña Caamaño

Marga do Val, premio Cidade de Tui 2026

Desde o Concello de Tui:
“A escritora Marga do Val na categoría individual e o Tyde F.C. na de colectivo recibirán os premios Cidade de Tui de 2026 en recoñecemento a súa achega á cidade e á sociedade tudense en diversos ámbitos. Así o acordou o Concello de Tui a proposta unánime do xurado destes premios, tras un amplo debate entre posibles persoas candidatas a este galardón. O acordo foi aprobado na Xunta de Goberno Local.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes premios “exemplifican a vitalidade da vida tudense, o dinamismo dos seus diversos sectores sociais así como a capacidade creativa e innovadora de tantos tudense en diversos ámbitos da vida social”.
Sinala Enrique Cabaleiro que os galardoados deste ano son amplamente merecentes deste Premio Cidade de Tui. Cen anos de historia atesoura o Tyde F.C. dende a súa fundación en 1926. Dende entón ten destacado polo intenso labor de promoción do deporte que veñen realizando no fútbol base e no fútbol feminino. Tense convertido nunha referencia do deporte tudense pola súa longa traxectoria e polos éxitos deportivos acadados coma o ascenso a Rexional Preferente a temporada pasada. Pola súa banda, Marga do Val une a súa ampla actividade literaria, onde Tui e os tudenses teñen un papel protagonista, a súa faceta como promotora e divulgadora da cultura galega e o seu papel como fundadora e presidenta do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” que organizan anualmente un amplo programa de actividades en lembranza deste tráxico acontecemento histórico decisivo para o movemento agrario de Galicia.
A entrega destes Premios Cidade de Tui terá lugar o sábado 4 de abril no Teatro Municipal como acto de apertura das festas patronais de San Telmo.”

O feminismo como motor da obra literaria de Begoña Caamaño

Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”