Conclusións do Encontro Libro e Lectura, do Foro Galeusca de Editores

“Os membros da Asociación Galega de Editores, da Associació d´Editors en Llengua Catalana, da Euskal Editoreen Elkartea, e da Associació d´Editors del País Valenciá reunidos no Foro Galeuscat de Editores 2011, tras debater arredor das iniciativas de visibilidade do libro e do fomento da lectura en lingua galega, catalana e euskalduna acordan as seguintes conclusións:
– A) Solicitar ao Ministerio de Cultura que as axudas desa institución destinadas a apoiar a edición de libros de interese cultural e de difícil comercialización nas linguas cooficiais, estean exentas do réxime de mínimis, acolléndose á excepción cultural e ao fomento da diversidade lingüística recoñecida na normativa europea.
– B) Poñer os medios para realizar o seguimento e a implantación noutras comunidades da ferramenta Cegal en rede dos libros editados en galego, catalán e éuscaro, segundo o modelo utilizado hoxe polos libreiros e os editores de Catalunya.
– C) Solicitar ás administracións respectivas de cada gremio a extensión das axudas destinadas a fomentar o consumo dos bens culturais, especialmente o libro.
– D) Reclamar o desenvolvemento de plans de fomento da lectura no sistema educativo non universitario mediante a implantación dunha rede de bibliotecas escolares, dotadas dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu traballo, así como o establecemento de redes destinadas a compartir experiencias e recursos.
– E) Solicitar aos poderes públicos da cada comunidade o desenvolvemento de Plans de Fomento da Lectura que integren as actividades de promoción estentes, apoiando as máis interesantes e incorporando a todos axentes do sector do libro. Estes Plans deberán incluír procesos de avaliación e contraste de resultados medibles co fin de introducir os mecanismos de mellora máis adecuados.
– F) Reclamar as administracións que non se banalicen os contidos dos libros de texto e que se programen e executen as políticas integrais de apoio e promoción das linguas propias, con atención preferente á utilización de modelos de inmersión lingüística nas etapas da educación infantil e primaria, no marco do establecido pola Carta Europea das Linguas Minorizadas.
– G) Solicitar aos poderes públicos que teñan en conta o labor desenvolvido polas institucións e entidades privadas (fundacións, asociacións de voluntariado…) no eido do libro e do fomento da lectura e que se favoreza a súa actividade nunha lei do mecenazgo.
– H) Celebrar o próximo GALEUSCA en Euskadi nun venres do mes de xuño de 2013.”