Xavier Rodríguez Barrio: “Hai que quitarlle todos os matices políticos á lingua”

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Xornal de Galicia:
“(…) – Xornal (X): Esta obra [Calado testamento] conseguiu un premio. Case todos os seus libros gañaron algún galardón. A única forma de poder publicar poesía é gañando algún certame?
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Non é a única forma, pero para a xente nova que comeza si que pode ser o único camiño. Cando eu publiquei o meu primeiro libro en 1973, non había premios que puidesen apoiar un libro. Había algúns como o Xosé María Chao en Vilalba ou o Castelao, pero pouco máis. Moitos deles non levaban nas bases a publicación do libro. Hoxe por hoxe e tal como está o mundo editorial, resulta complicado. Pero non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Galaxia atende a poesía a través da colección Dombate, pero non o fai co ritmo que sería recomendable. Xerais publica moi pouca poesía. Hoxe por hoxe, está Espiral Maior. É insólito que chegue a 200 títulos de poesía publicados. É un esforzo incondicional que fai Espiral Maior a prol da poesía galega.
– X: Está a literatura galega un pouco limitada de galardóns poéticos?
– XRB: O Esquío morreu, por exemplo. E morreron outros. O Celso Emilio, comezara nos oitenta e era un premio que estaba consolidado a nivel de autores e contía económica. E desapareceu poucos anos despois de se crear, creo que a finais dos oitenta. Eses e outros acabaron desaparecendo.
– X: Como definiría Calado testamento?
– XRB: Neste libro tratei de facer unha fondísima e serena meditación sobre a experiencia do tempo. Un pouco, o título é contraditorio como a linguaxe que quixen empregar. É un pouco un balance, nestas alturas da vida na que teño cincuenta e algúns ano, do vivido, do pasado e do perdido. Falo da perda da inocencia, pero tamén fago unha lectura do amor e unha lectura da contorna familiar. Recollo un testamento calado, todo o que tes calado que vai formando parte dun suposto testamento, un suposto testamento que implica parte de silencio, parte de reflexión e parte de meditación.
– X: Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
– XRB: Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema Penélope: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.
– X: Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
– XRB: Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.”