Discurso de Xosé Neira Vilas como socio de honra de Gálix

Pódese consultar aquí o discurso de Xosé Neira Vilas con motivo de ser nomeado Socio de Honra de Galix en abril:
“(…) A xeito de rendición de contas e non por presumir de nada, que non me vai, infórmovos que publiquei en galego oito libros para esas idades, sete de narrativa e un de poesía. De Memorias dun neno labrego non vou falar pois está na exposición. Outro é Cartas a Lelo con quince edicións e O cabaliño de buxo, con doce. Non entro en detalles sobre outros, mais quero falar brevemente de Espantallo amigo, non porque sexa o autor (puidera ser calquera) senón porque é unha obra galega, publicada hai agora corenta anos, en 1971. Ten once edicións en Galicia e foi traducida ós idiomas castelán, inglés, catalán, ucraíno e éuscaro (a edición vasca foi publicada hai pouco). A ONCE publicouno en Braille para cegos. E hai algúns anos, o Banco da Imaxe, de París, fixo unha adaptación teatral, en francés e co engadido de danzas e da intervención do grupo musical arxentino Karumanta, foi levado a escena no Parque das Flores, na sala Municipal de Festas, e o Día Nacional da Música e da Poesía representárono grupos de nenos e nenas de cento seis colexios da periferia de París, co patrocinio de Ministerio de Cultura francés. Inda máis: unha compañía profesional puxo en escena esta peza, como símbolo da harmonía humana e da concordia, no Coliseo Romano de Nimes. Non pedín ningunha remuneración económica e nin siquera me interesou que aparecese o meu nome como autor da narración que motivara a peza teatral; a única e ineludible condición foi que se consignase que proviña dun libro en lingua galega.
Outra noticia: en carta enviada a Paco del Riego dende Cuba o 12 de novembro de 1964 dicíalle: “Galaxia debe publicar libros para nenos; se un home ou unha muller non leron en galego dende nenos é difícil que o fagan de adultos”. E contestoume con data 2 de decembro do mesmo ano: “A idea da colección infantil de que me fala hai tempo que a agarimamos nós. Estámoslle dando voltas para concretala. As suxerencias que vostede nos faga serán moi proveitosas”. Galaxia comezou pouco despois coa traducción de tres títulos de narrativa do catalán, da editorial la Galera. E máis tarde publicaría a primeira obra galega: Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres. Tales foron os comezos desta andaina das edicións en Galicia para a infancia, só tres anos despois da aparición de Memorias dun neno labrego. (…)”