A xanela de Gálix. Antonio Reigosa

Entrevista a Antonio Reigosa en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Antonio Reigosa (AR): A maior fortaleza é, sen dúbida, o importante número de escritoras e escritores que escriben en galego pensando nos lectores máis novos. Moitas autoras e autores, moitas e excelentes obras de alta calidade. Aí están os premios nacionais e de primeiro nivel que mereceron moitas e moitos deles nas pasadas décadas. Un luxo para un país tan pequeno. A maior debilidade é a mesma que afecta á nosa lingua; non darmos superado colectivamente esa barreira indecente construída cos prexuízos que aínda aniñan en moitas e moitos dos nosos conterráneos.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
– AR: Fundamentalmente nas temáticas. Segundo evolucionamos socialmente van mudando os temas. Escribir non deixa de ser un diálogo co mundo no que vivimos e é lóxico que as autoras e autores reflictan as problemáticas que nos afectan en cada momento.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– AR: A pesar de que nin a LIX en particular nin a literatura galega en xeral dispoñen de espazos suficientes de difusión nos medios de comunicación, a pesar de que non temos revistas especializadas nin unha crítica normalizada, nin tampouco programas de radio ou TV dedicados especificamente á LIX, creo que existe, grazas, sobre todo, aos profesionais das bibliotecas e a un sector importante do profesorado un aceptable coñecemento do que pasa no mundo editorial galego arredor da LIX. (…)”

A xanela de Gálix. Fran Alonso

Entrevista a Fran Alonso en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Fran Alonso (FA): A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado español está a resultar canónica. A maior debilidade está na súa dependencia do sistema educativo e no baixo nivel de vendas por impulso ou espontáneas que existe nas librarías.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución.
– FA: Creo que ao longo dos últimos anos a LIX galega evolucionou moi positivamente, superando vellos tabús, abríndose tematicamente, medrando en concepción, en ambición, en calidade e en relación para converterse nunha literatura que merece ser exportada e lida internacionalmente.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– FA: Os límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego, que é unha porcentaxe moi ampla da poboación lectora galega. Tamén é certo que a LIX ten unha maior potencialidade para introducirse nas casas a través do sistema escolar que a literatura de adultos. Evidentemente, hai moito camiño por percorrer para que todos os lectores e lectoras galegos se recoñezan na súa LIX; como dixen antes, continúa demasiado apegada ao ámbito escolar e ese feito é especialmente grave na adolescencia e coa literatura xuvenil, porque a LIX galega non está presente por vontade propia entre os adolescentes nos seus foros de debate, nas redes sociais nin nos ámbitos lectura xuvenil non académicos, como si que o está a LIX en castelán. (…)”

Entrevista a Fina Casalderrey no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Este 2024 Fina Casalderrey é finalista de dous dos premios máis importantes do mundo na literatura infantil Hans Christian Andersen e Astrid Lindgren. Neste Diario Cultural entrevistamos a escritora Fina Casalderrey e a David Cortizo, o presidente de Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Pode escoitarse aquí.”

Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia XII. A LIX fronte aos novos formatos de lectura

Fina Casalderrey é candidata aos dous premios máis importantes no eido da LIX

Desde Gálix:
“En febreiro de 2023, á proposta de GÁLIX, e logo de valorar as recibidas das catro seccións que a conforman, a OEPLI presenta a candidatura de Fina Casalderrey ao Premio Internacional Hans Christian Andersen considerado o Nobel da literatura infantoxuvenil. Un galardón de convocatoria bianual que recoñece a «contribución duradeira á literatura infantil e xuvenil» no eido da escrita ou da ilustración.
A autora recibiu tamén a nova da súa candidatura aos Premios Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA), outorgados anualmente polo goberno sueco coma homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas. Nestes premios recoñécese o labor dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil. Este ano concorren 245 candidaturas de 68 estados, a maioría pertencen ao campo da escrita ou da ilustración, pero preséntanse tamén asociacións ou organizacións.
A escritora galega Fina Casalderrey, que formou parte da directiva de Gálix, é a primeira autora en estar nomeada simultaneamente aos dous premios máis prestixiosos da LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) a nivel internacional.”

Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022

Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”