O Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños (A Carballa, s/n., Cesullas) acollerá este venres 19 de agosto, a partir das 18:00 horas, a gravación dunha Polafía. O acto, que tamén está aberto a todo o público que queira asistir como espectador, está organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Concello de Cabana de Bergantiños. O evento servirá para lembrar a figura do acordeonista José María Álvarez Canto ademais de servir para poñer en valor a ricaz literatura oral e música tradicional de Cabana. En principio, estaba programado realizar esta gravación na praza de Neaño pero decidiuse cambiar ó Auditorio por mor da inestabilidade metereolóxica.
A xornada desenvolverá 26 espectáculos distintos centrados sobre a literatura oral e a música tradicional ofrecidos por persoas individuais e colectivos de gran parte do territorio de Cabana de Bergantiños. Haberá representantes das parroquias de Nantón, Cundíns, Cesullas, Canduas, Anos, Borneiro, A Silvarredonda e Riobó.
A tarde abrirase coas intervencións de Jacinto Paredes e María Álvarez Castro, quen lembrarán a figura de José María Álvarez Canto. Jacinto recordará a figura do mestre acordeonista, dado que el fora o seu alumno. Por outra banda, María lembrará ó acordeonista José María tanto no seu Corme natal como nos salóns de baile da redonda.
A música tradicional virá da man de varias agrupacións de gaiteiros, de cantareiras e pandereteiras. As cantareiras do Fol (Neaño, Cesullas) realizarán a representación etnográfica dunha fiada que engalanarán con cantos tradicionais de Bergantiños. As cantareiras de Nantón e de Anos subirán á escena diversos cantos recollidos na Costa da Morte. A representación dos grupos de gaitas recaerá nos gaiteiros de Anos e Borneiro. Os primeiros tocarán o Valse de Cabana e a Muiñeira de Cabana, mentres que os segundos interpretarán a Rumba de Neaño e a Xota de Neaño. Os aspecto máis etnográfico-musical será a actuación das pandereteiras de Cundíns (Pura e Hermosinda), dúas pandereteiras maiores que conservan intacto un máis que interesente repertorio musical da súa parroquia natal. Elas cantarán á pandeireta o Maneo de Cundíns e o Pasodobre corrido de Cundíns, xunto cunha peza de orixe portuguesa (A Portuguesa) que lles ensinou hai décadas un reparador de potas e cacerolas.
A literatura de tradición oral virá da man de regueifas, coplas e poemas populares. Para a actuación de regueifa contarase cos catro regueifeiros naturais de Cabana de Bergantiños: Fermín Calvo, Raimundo Cousillas, José Rodríguez e Manuel Fariña, representantes desta manifestación de literatura oral nas parroquias da Silvarredonda, Cesullas e Borneiro. Como representantes de literatura popular editada en libro lerán poemas Plácido Vigueret Villar, Fina Cousillas Baña (lerá textos de súa nai María Baña Varela) e Tamara Lema (lerá textos de Hermosinda Varela Lema). Matilde Vilariño Pose e Carmen Varela García lerán poemas de carácter popular que manteñen inéditos. Pilar Rama Pose, de Riobó, e Aurora Ramos e Dolores Macías cantarán coplas populares (sen compaña de pandeireta). José Rodríguez (José de Severo) ademais de regueifar, recitará o Romance da tía Pepa.
Como representante de literatura culta estará presente o poeta de Canduas Óscar de Souto, que recitará cinco poemas dos seus libros Latexos, Díxenllo á noite, En ausencia e Laios d’alma.
A música coral estará representada polas corais de Cesullas e Canduas, as cales subrián ó escenario os temas A branca gaivota e Cabana de Bergantiños. Raimundo Cousillas cantará á guitarra dous temas compostos por el: O emigrante e Máis bonito A Coruña. Sandra Alvarellos Varela lerá un texto sobre as tradicións do San Fins do Castro. Varias persoas do Centro de Día de Cabana narrarán contos e lembrarán vellas regueifas.
Nesta Polafía colaboran todos os colectivos musicais e persoas individuais participantes, así como o Centro de Día de Neaño.
Esta é a localización do Auditorio: