A Coruña: exposición No niño novo do vento, e faladoiro sobre A obra dramática de Álvaro Cunqueiro

A Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina.  A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.