‘Contra os escritores de verdade

Entrevista a Berta Dávila, Pablo García, Gonzalo Hermo e Andrea Nunes Brións, en El País (Galicia):
“A literatura, que non é un valor de seu nin garante nada, a sociedade -que non sabe que facer con ela- e a escritura sen expectativas. O vicio de estabular xente segundo marcas cronolóxicas -a algúns deles xa os chamaron outra vez novísimos-, o espazo da cultura cando só intervén como mercadoría e a cuestión do idioma, que o atravesa todo. Destes asuntos e algúns máis falan catro autores nacidos entre 1984 e 1987. Mañá participan no sexto congreso de autores mozos que organiza na Coruña a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Da tinta á pegada dixital. Ningún deles ten traballo estable. Como preguntar por que se escribe é de mal gusto, a conversa empeza polo lugar onde radica aínda a importancia da literatura. “O importante é que valla para algo”, resume a poeta Andrea Nunes Brións. “Como xeito de se expresar e, amais, como forma de acción directa”, di a autora do recente Todas as mulleres que fun (Corsárias) e Corrente do esquecemento, editado en 2007 por Aturuxo, o colectivo galego que defende os dereitos das sexualidades non heterónomas. Gonzalo Hermo contrapón a lentitude do discurso poético ao “bombardeo semiótico” na vida. “Lía o outro día sobre a linguaxe do fascismo, obscenamente directa, como a da publicidade. A poesía sería a linguaxe do contrario” (…)”