Helena Villar: “A industria cultural é das máis produtivas”

Entrevista a Helena Villar en Galicia Hoxe:
“(…) – Galicia Hoxe (GH): A literatura infantil é unha especie de segunda división na literatura? Ou ten unha dificultade particular? Fáleme un pouco dela…
– Helena Villar (HV): Tamén aí cheguei por ter unha nena e un neno a quen quería transmitir a lingua na situación de maior normalidade posible. As lecturas, os rituais dos xogos e as cancións eran unha ferramenta da que o idioma daquela carecía no nivel de cultura máis urbana que lles tocaba vivir. Houbo, xa que logo, que crear para eles. Seu pai e mais eu fixemos O libro de María. Logo pedíronnos colaboración para o concurso musical Cantareliña e mesmo o libro para editalo. Xa iniciado un camiño é doado andar por el. E a literatura para a infancia ten moito engado porque nos permite ver o mundo desde outra perspectiva.
– GH: Cre que hai que investir máis en cultura?
– HV: A cultura está demostrado que rende incluso economicamente. A industria cultural é das máis produtivas. Dígoo para a xente que pensa en termos económicos, sempre a máis difícil de convencer dos valores do gozo e transmisión do patrimonio máis humano. Se me preguntas se estou conforme co que se inviste en cultura, diríache que non. Sempre me parecería pouco.
– GH: Pensa que este goberno o está facendo ben en temas como o da lingua?
– HV: Toda promoción e dignificación da lingua propia sería pouca. Perdéronse decadas que oxalá sexan recuperables. E mentres tanto foron medrando as mentiras da imposición do galego, da extinción do castelán e, sobre todo, da “inmersión” como un perigo, cando non é máis que un procedemento de aprendizaxe. As familias que envían os fillos ao estranxeiro mándanos directamente a unha inmersión, mais parece que non o saben.
– GH: E a Rosalía? Como tratan a Rosalía?
– HV: A Fundación Rosalía de Castro tiña que ter un estatus especial dentro das Fundacións de Galicia. Mentres isto non suceda, ten un problema económico moi serio, pois manter a Casa aberta e o xardín coidado custa. Rosalía non percibe dereitos de autora e a Casa non pode subsistir de seu. Non obstante, percibo na sociedade un movemento de recuperación de Rosalía como ben colectivo e como símbolo de Galicia. Espero que mellore a situación económica e que aumenten os ingresos tanto institucionais como privados. (…)”