Armando Requeixo: Cunqueiro e o Camiño de Santiago

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“No día de onte achegueime ata Palas de Rei para participar no VIII Congreso Camiño de Santiago. (…) Pois ben, no marco desas xornadas fun convidado a impartir unha conferencia baixo o título Álvaro Cunqueiro, señor da palabra e dos camiños. (…) As palabras que seguen son un fragmento dun dos capítulos da miña intervención, onde resumo os que entendo son os principais trazos definitorios desa particular percepción. Velaí:
(…) En efecto, a visión que Cunqueiro gardaba do Camiño era ahistórica porque nela —como en xeral en toda a obra do de Mondoñedo— se producía unha abolición da sucesión cronolóxica, de tal xeito que todo o relatado formaba parte dun fresco panhistórico, unha sorte de background sincrónico no que todos os personaxes da Historia da Humanidade convivían nunha mesma e única dimensión presentista. E isto era así porque para Cunqueiro era moito máis importante na ficción esa esfera do imaxinario transreal ou pararreal que a propia vivencia empírica, de maneira que non é estraño ver por xunto como peregrinos do Camiño a persoeiros de tempos e lugares moi afastados, que, porén, conviven, rememoran e dialogan como se tal veciñanza fose o máis esperable e lóxico. Directamente vencellado co anterior está a percepción paradisíaca e ata edénica do propio Camiño. Para Cunqueiro o Camiño de Santiago era un camiño de camiños, un camiño de vida no sentido de que era sentido por el como un camiño de historias, non como un roteiro. Por tanto, o mindoniense despraza o centro de atención dende o viario sociohistórico ata o experiencial individual. Ao escritor non lle interesan os fitos do Camiño, a súa paisaxe como tal paisaxe, senón que vai máis alá. Cunqueiro quere sempre pór de relevo o que no Camiño de Santiago hai de etnopaisaxe (visión antropolóxica), de sociopaisaxe (visión sociolóxica) e mesmo de metapaisaxe (visión teórica). Porque o que verdadeiramente importa non é tanto o que o Camiño é en por si coma o que representa como vía de acceso a unha instancia superior: a do Paradiso no que todos os seres que o transitaron algunha vez habitan, ese espazo edénico, fóra de toda lóxica convencional onde son posibles todos os (re)encontros, todas as maxias, todas as linguas e as cousas todas, pois é o nimbo cunqueirián resultante da sublimación case neoplatónica dos imperfectos pasares terreais ata unha ultrarrealidade idealizada. Ese, e non outro, é o sentido último do Camiño de Santiago para Cunqueiro.”