O Concello de Tomiño nomea fillo predilecto ao escritor Xosé Luís Franco Grande

“A proposta de todos os grupos e, por unanimidade, a corporación de Tomiño decidiu o venres 21 de outubro en sesión plenaria nomear fillo predilecto do concello ao escritor Xosé Luís Franco Grande. Nado na parroquia de Tebra, no concello de Tomiño, no ano 1936, Franco Grande, que estudou Dereito na Universidade de Santiago e exerceu a avogacía como asesor xurídico da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, é unha das figuras senlleiras do galeguismo. É polas súas importantes achegas á cultura galega e pola súa traxectoria intelectual que se lle nomea fillo predilecto. Foi autor no ano 1968 do Dicionario galego-castelán de Galaxia, libro que serviu de guía ás primeiras xeracións de estudantes de galego. Tamén afondou na poesía, no teatro e no ensaio, chegando a gañar o Premio Eduardo Pondal. A corporación tomiñesa celebrará proximamente un acto para formalizar o nomeamento.” Vía La Voz de Galicia.