Manuel Bragado e Víctor Freixanes: “Nunca tivemos menos onde acudir”

Entrevista a Manuel Bragado e Víctor Freixanes en El País (Galicia):
“- El País (EP): Moitos editores din que é imposíbel gañar cartos cos libros que valen a pena. O dito ten volta?
– Manuel Bragado (MB): Ese é un tópico falso. Hai libros magníficos moi vendidos que axudaron a pagar outros. Atopámonos en tránsito, co cambio de modelo de analóxico a dixital. A loita entre homoxeneización e diversidade vai ser durísima. Xogámonos a viabilidade como país.
– Víctor Freixanes (VF): Einaudi diferenciaba entre edición de mercado e edición de cultura. Seguramente no termo medio é onde temos que movernos. En xeral, eu diría que cando un libro non se vende é por algo. (…)
– EP: Hai fórmulas cooperativas que custa poñer en práctica. Falta acordo entre os editores?
– VF. A historia do libro galego como industria, máis alá do discurso da resistencia, en termos de mercado moderno, vén de 1980. Unha etapa onde había vontade de construír, incluso ás apalpadelas. Logo hai un momento no que isto cae e se burocratiza. Si que se perdeu aquela busca para abrir espazos. A oportunidade de avanzar na revolución dixital, vencellada ao libro e á lectura. Internet é un produto Gutenberg pasado por 0 e 1.
– MB: Estou dacordo contigo, só engadiría un matiz. O da internacionalización. A aparición de Kalandraka, Oqo, Nova Galicia. Está en proceso, e para iso requírese unha estratexia de país. (…)
– EP: O 8% do publicado en Galicia xa non é papel, o que non quere dicir que sexa todo libro dixital. Cal é aí o posición de partida dos editores galegos?
– MB: O que pasou na recente Feira de Francfort foi a derrota dos editores europeos no ámbito dixital. A distribución de contidos dixitais de libro electrónico dos tres grandes monstros estadounidenses, Amazon, Apple e Google, vaise establecer en Europa, e vai competir cos modelos que existan aquí. Imos ter que convivir cun modelo de distribución que é propietario, baseado nunhas regras e porcentaxes que en boa medida adoptan o modelo norteamericano. Iso vai acelerar o proceso de dixitalización en Europa.
– VF: Non sei cando vai anunciar Amazon a apertura da súa tenda dixital, onde tamén pretenden que haxa libros en galego. (…)”