Lorena Souto: “O poemario trata de superar os estereotipos patriarcais”

Entrevista a Lorena Souto, recente gañadora do XXIV Premio Pérez Parallé en Diario de Ferrol:
“- Diario de Ferrol (DF): Cal é a súa sensación despois de gañar o Pérez Parallé?
– Lorena Souto (LS): Foi unha ilusión tremenda, porque é a primeira vez que me dan un premio sen contar as redaccións escolares. Enviara o texto e xa non o tiña moi en mente, nin me lembraba que a pasada fin de semana decidíase. É unha gran satisfacción.
– DF: Por que se presentou ao certame de Fene?
– LS: Para poetas que non temos publicado nada é un concurso que ten moito prestixio. Estase convertendo nunha plataforma da que están a saír xente como Xiana Arias ou Mario Regueira e outros que van facendo camiño. A posibilidade de publicar nun selo do enorme prestixio de Espiral Maior tamén axuda moito.
– DF: Qué é o seu poemario premiado, Fase de trema?
– LS: É unha evolución da percepción da realidade contra os estereotipos do patriarcado desde unha perspectiva feminina no que o eu acaba abrazando un ton máis colectivo e múltiple.
– DF: É un poemario feminista?
– LS: Coido que non é tanto iso como unha voz contra os estereotipos de xénero do patriarcado. Os homes tamén poden sentirse identificados. É un berro de alerta contra os individuos sometidos.
– DF: Pero coincidirá en que a voz feminina dentro da poesía cada vez se escoita máis.
– LS: Si, pero tamén o fan as arquitectas en arquitectura ou outras profesionais. Cada vez máis mulleres escriben e resulta normal que acaben publicando e gañando premios. En xeral estamos a ver novas voces, máis distintas e plurais.
– DF: Unha renovación da lírica, pois?
– LS: Pero por parte dos dous sexos, non só das mulleres. Hai novas voces e unha apertura á pluralidade en temáticas e estilos.
– DF: Que fixo ata chegar aquí?
– LS: Son licenciada en Filoloxía Galega e fixen estudos de doutoramento de teoría da literatura e literatura comparada. Estiven investigando temas de léxico cunha bolsa da universidade e formo parte do consello de redacción da revista Dorna.”