Ramón Nicolás: “(Celso Emilio) Ferreiro foi famoso, pero nunca chegou a vivir da literatura”

Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Que dificultades ofrece a figura de Celso Emilio Ferreiro desde o punto de vista do biógrafo?
– Ramón Nicolás (RN): Primeiro fun lector, claro, pero levo case dúas décadas transitando pola obra literaria que Celso Emilio deixou e por algúns capítulos da súa vida ata que se deron unhas circunstancias que propiciaron internarme no seu perfil máis persoal, fundamentalmente porque un dos nosos autores máis relevantes carecía aínda dunha biografía integral que xuntase o periplo vital e a súa proxección literaria e política. As dificultades foron as habituais: recadar información, édita e inédita, interpretar documentos, esculcar nas cartas conservadas ou entrevistar as persoas que tivesen algo substancial que dicir sobre o autor. (…)
– LVG: Nun sentido amplo, Celso Emilio Ferreiro foi un escritor famoso, valorado no seu tempo. ¿Como afectou iso á interpretación da súa obra?
– RN: Celso Emilio comezou a gañar sona máis alá de Galicia a través das edicións bilingües da súa poesía, e isto ocorre a finais dos sesenta e dura algo máis de dez anos. Aquí era valorado en pequenos círculos, mais con Longa noite de pedra supera todo o previsible e chega a lugares onde nunca ningún poeta galego podería pensar. Por tanto, foi famoso nos seus últimos anos mais isto non o satisfacía moito; se cadra estaba máis contento, e é unha anécdota real, co parecido físico que gardaba con Salvador Allende. Dito isto, o certo é que o número de edicións esgotadas da súa obra en vida non ten semellanza con ningún outro poeta galego. Mais por outro lado nunca puido vivir da literatura e a súa axitada vida así o demostra.
– LVG: ¿Que aspectos quedan por divulgar da súa obra?
– RN: Volver proxectar a súa poesía fóra de Galicia. Sigo a ver nel un gran narrador, de obra exigua, pero sorprendente pola modernidade e a rotundidade das pezas narrativas que deu a coñecer. Tamén cumpriría volver a vista ao Celso Emilio de facetas case descoñecidas nel como ser debuxante, crítico literario (non ao uso) e a de responsable da redacción de textos de carácter político. As acusacións de que non exerceu politicamente como antifranquista, que lin hai pouco, son inexactas e moi inxustas.”