‘Aparece unha poesía inédita de Vicente Risco e Otero Pedraio sobre o Monte Pindo’

Desde o blog da Asociación Monte Pindo Parque Natural: “Esta vez non se trata de ningún descubrimento arqueolóxico ou ecolóxico, mais pasa por ser un dos achados de maior importancia cultural para a historia recente do Olimpo Celta. Trátase nin máis nin menos que o achado dunha misiva que contén unha poesía inédita e en alemán dos ilustres autores galegos Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, escrita durante unha excursión polo Monte Pindo feita co mítico Seminario de Estudos Galegos no mes de xuño de 1936. O orixinal consérvase en perfecto estado pois trátase dunha carta dirixida a Isidro Parga Pondal, ilustre xeólogo e literato galego, que hoxe recala no arquivo do Instituto homónimo, polo que tamén dispoñemos do sobre orixinal asi como un borrador do puño e letra de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo cando contaban con 51 e 48 anos, respectivamente, o que multiplica o valor do achádego. Pero o que sen dúbida resulta estarrecedor é que menos dun mes despois de terse redactado nalgún recanto do Olimpo Celta, declarouse o despiadado golpe de estado fascista que condenaría o noso País a 40 anos de penuria e escuridade, e que tamén condenou a moitos dos nosos veciños a buscar acubillo nas numerosas covas que poboan o monte. (…)”.