Xavier Queipo: “Extramunde é unha novela actual nas formas e nos contidos”

Entrevista a Xavier Queipo en Faro de Vigo, a través de Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Hai quen di que a literatura galega débelle unha grande novela ao mar, nomeadamente ao mar no que navegaron e navegan os nosos mariñeiros. Está disposto a liquidar esa débeda con algunha das súas próximas entregas?
– Xavier Queipo (XQ): Detesto que alguén nos indique aos creadores o que debemos escribir e mais o que non. Eu teño escrito bastantes textos sobre o mar, lembre O paso do Noroeste, Ártico e outros mares, recentemente revisado e corrixido como Ártico 2.0, incluíndo algúns ensaios para explicar a ausencia de tradición marítima na nosa literatura, unha boa manchea de contos… Se cadra unha das razóns polas que non se escribe máis sobre os nosos mariñeiros é porque se trata dunha historia de escravismo nos límites da ética. Se eu lle contara o que sei, o que vin e me contaron…
– FdV: Disque o futuro do formato libro está en entredito, que de aquí a dez/quince anos o formato dominante será o ebook. Que opina deste asunto?
– XQ: Non teño unha bóla de cristal e desconfío sempre dos profetas. Certo que hai un vector evolutivo no facer uso da tecnoloxía para mellorar a vida, mais tamén hai un vector de mimetismo acrítico e gregarismo (facer o que outros fan). O resultado dos dous vectores declínase no interese comercial dos que aman producir en serie, non acumular excedentes, non arriscar polo que non produza lucro instantáneo…
– FdV: Agora mesmo, en Galicia acaban de publicarse os primeiros audio-libros. Extramunde é unha novela axeitada para se “lida en voz alta”, e polo tanto, escoitada?
– XQ: Eu escribo con música e, polo tanto, os meus libros son aptos para ser lidos en alto. Se tivo Vde. a oportunidade de presenciar o espectáculo O embigo do mundo -onde dramatizaron algúns dos meus textos Quico Cadaval e Anabel Gago, onde recrearon personaxes como Dragona a través da danza contemporánea, como fixo Olga Cameselle, ou nunha mestura de música e textos como fixo o Colectivo “Rio Lagares”- decataríase Vde. de que os meus libros poden facilmente converterse en textos sonoros ou aínda en filmes de mérito. (…)”