‘De Frantz Fanon a Cunqueiro’

Artigo de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Aquela galería das clases populares, confeccionada a modo de catálogo de curiosidades e gabinete de oficios e artes da cultura non industrial, chamouse Xente de aquí e acolá. Un dos libros centrais de Álvaro Cunqueiro, publicado por Galaxia en 1971, tamén coñeceu versión en francés. Pero foi 21 anos despois e co título Galiciens, courbeaux et parapluies. Ese Galegos, corvos e paraugas traduciuno François Maspero e publicouno Actes du Sud, a editora fundada por Hubert Nyssen en 1978. (…)
Segundo Laurence Malingret, en 2005 adscrito á Universidade de Santiago, Maspero traduciu a partir da tradución ao castelán, La otra gente. Así o certifica Actes du Sud. Non foi, con todo, a única paraxe da editorial francesa, cuxo fundador morreu recentemente, na literatura galega. Les Chroniques de sous-chantre [As crónicas do sochantre] apareceron naquel mesmo ano de 1992, da man de Claude Bleton e con limiar de Torrente Ballester, e, aos dous anos, L’année de la comète ou la bataille des quatre rois [El año del cometa]. A atención de Actes du Sud ás literaturas ao sur -de Francia, enténdese- levouna, amais, até Suso de Toro. Foi no selo Jacqueline Chambon, integrado en Du Sud, onde Anne Bragance publicou en francés e en 2006 Trece badaladas, pero con título lixeiramente modificado e tamén con base no español: Le trezième coup de minuit [O décimo terceiro golpe de medianoite]. Chambon mesmo converteu en best-seller no hexágono O mandarim, de Eça de Queirós.