Iria Morgade: “Textos curtos e condensados parécenme o máis apropiado para unha literatura activa”

Entrevista a Iria Morgade en Letra en Obras:
“Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) vén de rematar a última versión da súa novela Verbas no ar, que usa as revoltas do último ano en diferentes sociedades asfixiadas para tecer un relato no que pretende explicar que “a humanidade ten algo en común”. A novela serviulle para gañar o VII Premio Biblos – Pazos de Galicia e estará nas librarías do país antes do nadal, despois de ter colaborado na fase final co escritor Xabier P. Docampo. Estudou Ciencias Políticas entre Compostela e Madrid e cando fala sobre a formación da afección á lectura recoñece que “de pequena sempre me gustou moito e a miña nai gústalle moito escribir polo que collo dela o gusto pola literatura, como tamén o gusto de escribir”. Desfruta lendo e se lle pedimos que chame a atención sobre xente que escribiu libros nos que naufragou felizmente di Lovecraft, Kundera, Ferrín, Auster, Fernández Paz, Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro.
– Letra en Obras (LeO): De que maneira pode contribuír a literatura a cambiar o mundo?
– Iria Morgade (IM): Non se trata de abrir mentes, porque iso é un proceso propio de cada un pero axuda a reflexionar, ás veces utilizando as situacións límite para que se faga remover algo. Eu estudei políticas e vendo como a xente tenta concienciar doume conta de que ás veces é metódico, pouco atraente, unha simple exposición de ideas, máis de tese que outra cousa. Aí é onde xoga a literatura, ofrecendo un achegamento diferente.
– LeO: Que efecto pretendes producir no lector cando escribes?
– IM: Concienciar non é unha palabra que me guste, porque vexo que ten algo de imposición para que a xente pense dunha forma ou outra. Pero si que, ás veces, eu vexo as cousas dunha maneira clara e simple e tento achegar esa visión xa que ás veces semella que todo ao redor complica a nosa mirada, hai moito ruído que nos impide chegar ao fondo. As situacións límite axudan porque hai cousas que nós agora vemos máis difuminadas e podemos atopar nas situacións límite paralelismos nos que non pensaramos. (…)”